A CANDIDATA DO BNG AFIRMOU QUE "O CAMPUS TERRA TEN UN IMPORTANTE PAPEL NA TRANSFERENCIA DE I+D+I AO SECTOR AGROGANDEIRO E FORESTAL"
Mar Pérez Fra visita a Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo con deputados e deputadas do BNG
A candidata do BNG afirmou que "o Campus Terra ten un importante papel na transferencia de I+D+i ao sector agrogandeiro e forestal"
Mar Pérez Fra: "No marco das futuras reformas da PAC o BNG será a voz galega contra a discriminación dos nosos sectores productivos"
Lugo, 24 de maio de 2024. A candidata ás eleccións europeas polo BNG, Mar Pérez Fra, participou nunha visita á Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo xunto cun grupo de deputadas e deputados do Parlamento Galego e concelleiras e concelleiros do BNG en Lugo. Mar Pérez Fra destacou o papel do Campus Terra e da EPS no sector primario "polo seu peso na transferencia de I+D+i ao sector agrogandeiro e forestal", e afirmou que "as políticas da Unión Europea, as decisións que se adoptan en bruxelas, interfiren permanentemente no noso dereito a vivir e a producir na propia Terra".
Mar Pérez Fra destacou que o BNG "será a voz galega contra a discriminación dos nosos sectores produtivos e da defensa do dereito a que todas as galegas e galegos teñan un emprego digno na súa propia Terra", e engadiu "a voz do BNG servirá para que a realidade galega se teña en conta á hora de reformar a PAC, traballo que a UE realizará na lexislatura 2024-2029".
A Política Agraria Común (PAC) é un exemplo de deseño comunitario contrario a calquera modelo de desenvolvemento para Galiza que teña en conta a enorme potencialidade produtiva do noso país nestes ámbitos. As regras de xogo impostas desde Bruxelas só receitan o desmantelamento dos nosos sectores para que sexan outros os que produzan, sen ter en conta as nosas especificidades como Pobo. "Só a través de políticas propias, sen subordinacións, seremos quen de impulsar políticas pensadas para pór o noso país a producir, combater a emigración e construír unha sociedade máis xusta na Galiza", dixo Mar Pérez Fra.