RUBÉN ARROXO E MAITE FERREIRO VISITARON A RÚA PRIMAVERA, ONDE VEÑEN DE REMATAR OS TRABALLOS DE PINTURA DESTE MURAL

Remata a elaboración do mural "Camiño en Cor" elaborado polo artista local Iago Eireos en colaboración coa Tenencia de Alcaldía

Maite Ferreiro: "reivindicamos a forza das mulleres no Camiño e, ao mesmo tempo, damos valor á arte como ferramenta de transformación e diálogo coa veciñanza"
Remata a elaboración do mural "Camiño en Cor" elaborado polo artista local Iago Eireos en colaboración coa Tenencia de Alcaldía

Lugo, 08 de agosto de 2025. O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, visitaron a rúa Primavera, co artista lucense Iago Eireos, que vén de rematar o novo mural "Camiño en cor", unha obra de gran formato que transforma un dos puntos de entrada á cidade a través do Camiño Primitivo.

Este traballo de Iago Eireos destaca pola súa combinación de técnicas pictóricas e elementos tridimensionais, que xeran un xogo de sombras cambiantes ao longo do día, dando vida á fachada e transformando o espazo urbano.

Maite Ferreiro destacou a importancia desta obra para Lugo, "ampliamos o número de espazos urbanos transformados, enchendo de vida e cor un punto que antes pasaba desapercibido", explicou. Con "Camiño en cor", Lugo consolídase como laboratorio urbano de creación contemporánea, vinculando a tradición xacobea cunha linguaxe pictórica e escultórica que convida a repensar o espazo público e a percorrer o Camiño con ollos renovados.

No centro da composición atópase a figura dunha muller peregrina, representada en branco puro, que avanza decidida cara ao público. Esta imaxe simboliza o camiño interior e exterior das persoas que percorren o Camiño de Santiago, cun claro protagonismo da presenza feminina.

O fondo da obra é unha explosión expresionista de cor, onde se mesturan verdes, azuis, violetas, amarelos e laranxas que evocan a natureza galega —os prados, as carballeiras e o ceo atlántico— ofrecendo unha lectura emocional do territorio.

 

Remata a elaboración do mural "Camiño en Cor" elaborado polo artista local Iago Eireos en colaboración coa Tenencia de Alcaldía