CONCELLO E DEPUTACIÓN TRABALLAN NUN "INTENSO PROGRAMA DE ACTIVIDADES" QUE SE DESENVOLVERÁN NO ÚLTIMO TRIMESTRE DO 2025
A Tenencia de Alcaldía e a vicepresidencia da Deputación celebrarán este ano o 2050 aniversario da fundación da cidade de Lugo
Lugo, 09 de agosto de 2025. A Tenencia de Alcaldía do Concello de Lugo, en colaboración coa vicepresidencia da Deputación, realizarán unha serie de actos para celebrar o 2050 aniversario da fundación da cidade de Lugo, considerada a cidade máis antiga de Galiza, datando do ano 25 a.C.
A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, acompañada polo Tenente Alcalde, Rubén Arroxo e a deputada de Cultura Iria Castro, anunciaron que os gobernos local e provincial traballarán nunha serie de actos diversos "que nos permitan achegar a nosa historia a toda a veciñanza e ampliar o coñecemento sobre os 2050 anos de historia da cidade".
Ferreiro destacou que o obxectivo destas actividades é "é poñer en valor o extraordinario patrimonio histórico lucense", e anunciou que as actividades, que se celebrarán ao longo do último trimestre do ano, contarán con charlas de divulgación sobre a historia da cidade e diversas actividades tanto no museo provincial como na rede museística dependente da área de Cultura.