ARROXO: "RENOVAMOS O ALUMEADO DA COMUNICACIÓN ENTRE A FONTE DOS RANCHOS E A AVENIDA DA CORUÑA"
Rubén Arroxo anuncia unha nova intervención do plan de renovación da rede de alumeado público
Arroxo: "Renovamos o alumeado da comunicación entre a Fonte dos Ranchos e a avenida da Coruña"
Estase a actuar nas rúas Quiroga, Gardas, Valle Inclán e Curros Enriquez, aforrando 31.630 kWh ao ano
Lugo, 24 de outubro de 2024. O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que a Tenencia de Alcaldía está a traballar no plan de renovación da rede de alumedao público de Lugo, cunha renovación nas principais rúas que comunican a Fonte dos Ranchos coa avenida da Coruña. Arroxo explicou que "seguimos traballando en distintas zonas da cidade para garantir un alumeado público eficiente enerxeticamente e que garanta que non haxa zonas escuras nas rúas".
O Goberno de Lugo está traballando nas rúas Quiroga, Gardas, Valle Inclán e Curros Enríquez, eliminando en total 44 luminarias de Vapor de Sodio de 276W, instalando puntos Led de 108W, o que permitirá aforrar 31.630 kWh ao ano. O alumeado permitirá unha maior harmonización da contorna, ao ser unha luz uniforme en toda a trama e ao unificarse a temperatura de cor. Con esta actuación mellorarase tamén a uniformidade lumínica, eliminando zonas escuras, e renovaranse elementos da instalación como caixas de conexión e conductores e reducindo o risco de avarías na rede.
Arroxo explicou que dende a chegada ao Goberno de Lugo "traballamos continuamente na reducción do gasto público ao tempo que a veciñanza de Lugo pode desfrutar dun alumeado eficiente". Os criterios utilizados á hora de realizar estas actuacións son a recuperación das luminarias existentes adaptándoas ás novas tecnoloxías, reducir os residuos xerados e os custos de implantación e a renovación do resto de elementos que conforman a rede de alumeado, o que diminúe as avarías e as molestias á veciñanza.