ENTRE O 19 E O 24 DE AGOSTO AS RÚAS DE LUGO ACOLLERÁN ENSAIOS ABERTOS, RECITAIS DE NOVOS TALENTOS, CONCERTOS CUNHA GRAN VARIEDADE DE ESTILOS, ADEMAIS DO III CAMPUS-CONCURSO DE DIRECCIÓN
Rubén Arroxo e Maite Ferreiro presentan a III Edición do Lucus Music Festival, o encontro multidisciplinar de eventos musicais
Entre o 19 e o 24 de agosto as rúas de Lugo acollerán ensaios abertos, recitais de novos talentos, concertos cunha gran variedade de estilos, ademais do III Campus-Concurso de Dirección
Ferreiro: “Unha decena de actividades gratuítas e abertas ao público xeral que servirán tamén para mostrar o traballo realizado polas cantantes e directores asistentes ao Campus”
Lugo, 09 de agosto de 2024. O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentaron acompañados de artistas participantes a terceira edición do Lucus Music Fest, unha nova edición da proposta organizada pola asociación Músico Crisanto e que conta coa colaboración das áreas de Cultura do Concello e Deputación. O festival encherá de música as rúas de Lugo entre o 19 e o 24 deste agosto.
A concelleira de Cultura indicou que esta nova edición do Lucus Music Festival “propón unha decena de actividades abertas ao público xeral, con concertos, conferencias e ensaios abertos de distintas agrupacións musicais, que servirán tamén para mostrar o traballo realizado polas cantantes e directores asistentes ao campus”. Os músicos profesionais encargados de instruír ao alumnado serán o Profesor de Dirección e Director Artístico Cristobal Soler e a Profesora de Canto Lorena Valero.
O Lugo Music Festival celebrarase en horario de 20.30 horas, e “acollerá concertos introdutorios de músicas populares e tradicionais da Banda Sinfónica, recitais de novos talentos e concertos da Big Band, Oxygen Quartet, do Grupo de Cordas e Voces Solistas e do Coro Internacional ‘A Piacere’”, explicou a concelleira. As ubicacións serán a Praza Anxo Fernández Gómez, a Casa do Saber, a Praza Maior, o Vello Cárcere e a Igrexa de San Pedro. Os concertos son gratuítos, pero nos espacios pechados será necesario reservar praza.
Maite Ferreiro indicou que, ademais, este Festival volverá incluír a celebración do III Campus Concurso de Dirección que permitirá “desenvolver as súas competencias como directores e directoras de agrupacións musicais, mellorando as ferramentas xestuais e técnicas das participantes” e mellorando a relación orgánica entre a agrupación e a dirección.
“Na categoría de canto, búscase transmitir a importancia do coñecemento propio para sacar o maior proveito á voz das persoas participantes”, explicou Maite Ferreiro. Organizaranse clases individuais e personalizadas para desenvolver as calidades segundo as necesidades de cada unha das participantes, afondando na preparación de castings, concursos e audicións achegando coñecemento detallado sobre todos os protocolos a seguir, aclarou a edil de Cultura.
O público xeral poderá desfrutar das actividades abertas do III Campus do 21 ao 23 de agosto a partir das 12.30 horas cos ensaios das agrupacións na rúa Quiroga Ballesteros e na Capela da Soidade. O 24 de agosto celebrarase a final na Igrexa de San Pedro, que poñerá o punto final a esta terceira edición.
Programación III Lucus Music Festival
Luns 19
20:30 horas na Praza Anxo Fernández Gómez – Concerto introdutorio de músicas populares e tradicionais coa Banda Sinfónica.
Martes 20
20:30 horas na Casa do Saber – Recital de Novos Talentos cos solistas: Lucas Santos (frauta), Xurxu Morales (Saxofón), Uxía Sierra (Clarinete) e a pianista Andrea Vilar.
Mércores 21
12:30 horas na rúa Quiroga Ballesteros – Ensaio aberto da Big Band co Profesor Toño Otero
20:30 horas na Praza Anxo Fernández Gómez – Concerto de Big Band
Xoves 22
12:30 horas na rúa Quiroga Ballesteros – Ensaio aberto da Ensemble de Percusión co Profesor Marco Mendoza
20:30 horas no Vello Cárcere – Concerto de Oxygen Quartet (Entrada libre con reserva)
Venres 23
12:30 horas na Capela da Soidade – Ensaio aberto do Coro ‘A Piacere’ e a orquestra de cámara co Profesor Cristian Cavero
20:30 horas no Vello Cárcere – Concerto do Grupo de Cordas e Voces Solistas (Entrada libre con reserva)
Sábado 24
20:30 horas na Igrexa de San Pedro – Concerto de clausura do Coro Internacional ‘A Piacere’ xunto coa orquestra de cámara. Final do III Campus-Concurso de Dirección Musical