"DESDE A ÁREA DE CULTURA DO CONCELLO MANTEMOS UN ANO MÁIS O APOIO A TODO TIPO DE ARTES ESCÉNICAS, APOIANDO A ÚNICA PROGRAMACIÓN ESTABLE DE MÚSICA CLÁSICA DE LUGO", AFIRMOU MAITE FERREIRO
Rubén Arroxo e Maite Ferreiro presentan a tempada 2023 - 2024 da Sociedade Filarmónica de Lugo
"Desde a área de Cultura do Concello mantemos un ano máis o apoio a todo tipo de artes escénicas, apoiando a única programación estable de música clásica de Lugo", afirmou Maite Ferreiro
Celebraranse 13 concertos entre o 20 de outubro de 2023 e o 15 de maio de 2024
A presentación contou coa presenza da deputada de Cultura, Iria Castro, xunto con representantes da directiva da Sociedade Filarmónica de Lugo
Lugo, 27 de setembro de 2023. Rubén Arroxo, Tenente Alcalde do Concello de Lugo, xunto coa Concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro e Iria Castro, deputada de Cultura, participaron hoxe na presentación da nova tempada de concertos da Sociedade Filarmónica de Lugo. A nova tempada contará en total con 13 concertos que se celebrarán no Círculo das Artes entre o vindeiro 20 de outubro e o 15 de maio de 2024.
Maite Ferreiro lembrou que "desde a área de Cultura continuamos coa nosa aposta firme pola realización de actividades culturais de calidade demostrada a nivel galego, estatal e internacional" e engadiu "o compromiso da sociedade Filarmónica por manter esta actividade xa consolidada no calendario cultural de Lugo".
A programación desta tempada conta con 13 concertos, achegando a Lugo a músicos destacados a nivel galego, estatal e internacional. Desde a Sociedade Filarmónica de Lugo cóntase coas tres agrupacións máis importantes de Galiza, con concertos da Real Filharmonía de Galiza, a Orquestra Sinfónica de Galiza, considerada a máis importante do estado en canto a calidade, ou a Orquestra Sinfónica Vigo 430.
Todos os concertos do ciclo terán lugar no Círculo das Artes de Lugo ás 20:00 h. A programación completa pode consultarse na web da Sociedade Filharmónica de Lugo.