INSTA AO GOBERNO GALEGO A ABRIR OS APARCADOIROS DO EDIFICIO ADMINISTRATIVO, DO IES VIRXE DO OLLOS GRANDES E LUCUS AUGUSTI E DA CONTORNA DA FACULTADE DE FORMACIÓN DO PROFESORADO
Rubén Arroxo ofrece a colaboración do Concello para abrir os aparcadoiros da Xunta durante a época de compras de Nadal
Insta ao Goberno galego a abrir os aparcadoiros do Edificio Administrativo, do IES Virxe do Ollos Grandes e Lucus Augusti e da contorna da Facultade de Formación do Profesorado
Arroxo: "A Xunta ten unha solución moi sinxela para aumentar a dispoñibilidade de estacionamento na contorna do centro"
Lugo, 09 de decembro de 2024. O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, reclamou unha vez máis á Xunta de Galiza que abra os aparcadoiros do Edificio Administrativo da Xunta, e dos IES Virxe do Ollos Grandes e Lucus Augusti e da contorna da Facultade de Formación do Profesorado, "optimizando o espazo público para o estacionamento de vehículos, e garantindo máis capacidade de estacionamento na contorna do centro da cidade de Lugo neste período de compras de Nadal".
Arroxo anunciou que se a Xunta de Galiza acepta abrir estes aparcadoiros, "desde o Concello de Lugo ofrecemos os medios materiais e humanos necesarios para que os aparcadoiros poidan estar dispoñibles en horario non lectivo, facilitando así o acceso ao centro da cidade".
O Tenente Alcalde continúa demandando ao Goberno galego a apertura dos aparcadoiros en edificios dependentes da Xunta de Galiza e lembrou "o exemplo de como as institucións poden poñer á disposición das veciñas e veciños as infraestruturas públicas, tal e como aconteceu coa apertura ao público, polas tardes, do aparcadoiro do Seminario".
Arroxo criticou a postura do PP "marxinando á cidade de Lugo desde a Xunta mentres pide que desde o Concello se asuma máis traballo", e explicou que "o PP quéixase de falta de espazos de estacionamento, pero non é capaz de colaborar para solucionalo". Na cidade de Lugo existen outros espazos, neste caso xestionados pola Xunta de Galiza, que poderían ampliar a capacidade de estacionamento na contorna do centro e que beneficiarían o acceso das veciñas e veciños a esta zona.
Para o Tenente Alcalde, "é positivo que se incremente o número de prazas de aparcadoiro na zona do parque e da Avenida Ramón Ferreiro aproveitando os aparcadoiros do IES Virxe do Ollos Grandes, Lucus Augusti e da contorna da Facultade de Formación do Profesorado", con prazas reservadas as 24 horas para vehículos autorizados durante o período escolar e que, sobre todo agora no inverno e coa chegada da época de Nadal, poderían empregar o público xeral, explica.
Rubén Arroxo tamén ve necesario paliar a perda de prazas de estacionamento na Estación de Tren co inicio da construción da nova intermodal, "podendo empregarse as prazas do aparcadoiro do Edificio Administrativo da Xunta nun horario no que menos afecte á xornada do persoal".