ARROXO: "SEGUIMOS A TRABALLAR EN PROXECTOS QUE TEÑAN UN IMPACTO POSITIVO, FACILITANDO A ACCESIBILIDADE E A CONVIVENCIA VECIÑAL"
Rubén Arroxo: "A peonalización da rúa Milagrosa permitiranos completar o eixo peonil norte-sur da cidade"
Arroxo, acompañado polo edil de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, visitaron o avance das obras
Arroxo: "Seguimos a traballar en proxectos que teñan un impacto positivo, facilitando a accesibilidade e a convivencia veciñal"
Lugo, 29 de agosto de 2025. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, visitou a rúa Milagrosa xunto co edil de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, onde comprobou os avances dun proxecto que permitirá, segundo explicou Arroxo, "completar un corredor peonil permitirá conectar a praza da Milagrosa coa praza de Bretaña, facilitando un percorrido seguro e accesible para a veciñanza".
"Con esta nova peonalización seguimos avanzando para converter a Lugo nunha cidade máis accesible e sostible", afirmou. O proxecto inclúe importantes melloras nas infraestruturas de abastecemento de auga e drenaxe, traballos que se están executando nesta primeira fase das obras. A rede de abastecemento está a ser renovada por completo, substituíndo as antigas tubaxes de PVC por fundición dúctil, e instalando novas válvulas, bocas de rego e de incendio para garantir a seguridade e durabilidade da rede. Ademais, para a drenaxe superficial, colocarase unha liña de rígola en ambas marxes da calzada, que dirixirá a auga de escorrentía cara aos sumidoiros conectados á rede de saneamento e aos Sistemas Urbanos de Drenaxe Sostible (SUDS), reducindo así o volume de auga que entra no sistema municipal.
O proxecto foi adxudicado á empresa Urbaconsa e supón un investimento de 409.005,80€. Nos últimos anos, a Área de Infraestruturas avanzou na transformación urbana da zona norte da cidade a través da peonalización de diversos espazos, ademais das peonalizacións das rúas Luis Seoane e Camiño Real, "creando unha rede de espazos peonís e fortalecendo o compromiso co modelo de mobilidade sostible".
Rubén Arroxo insistiu en que "a zona da Milagrosa é xa un punto de encontro e dinamización social e económica do barrio, algo que se verá incrementado con este novo proxecto que ampliará este impacto positivo, facilitando a accesibilidade e a convivencia veciñal".