AS DISTINTAS INSTALACIÓNS TURÍSTICAS MUNICIPAIS RECIBIRON ESTE MES DE XULLO A 19.374 PERSOAS, CASE 1.000 MÁIS QUE EN XULLO DE 2023

O turismo continúa a crecer en Lugo cun mes de xullo "que supera os datos do ano pasado", explicou Maite Ferreiro


As distintas instalacións turísticas municipais recibiron este mes de xullo a 19.374 persoas, case 1.000 máis que en xullo de 2023

Ferreiro destacou os datos da sala Porta Miñá, que duplicou os visitantes

O turismo continúa a crecer en Lugo cun mes de xullo "que supera os datos do ano pasado", explicou Maite Ferreiro



Lugo, 06 de agosto de 2024. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou os datos de turismo rexistrados nas instalacións municipais durante este mes de xullo, que "evidencian que o traballo realizado nestes anos posicionou a Lugo como un destino estratéxico á hora de visitar Galiza", explicou. Ferreiro destacou que "no mes de xullo superamos en case 1.000 persoas os datos de hai un ano, e algunhas das instalacións municipais duplicaron o número de visitantes".

A Oficina Municipal de Turismo da praza do Campo atendeu en total a 5.813 turistas durante xullo, mentres que o posto de información turística da praza Maior recibiu 6.225 visitantes. As salas museísticas municipais continúan a ser un gran atractivo turístico da cidade. O Centro Arqueolóxico de San Roque, a Casa dos Mosaicos e o MIHL rexistraron números similares ao ano pasado, con 6.176 visitantes en total entre as tres salas, mentres que a sala de exposicións Porta Miñá duplicou os seus visitantes, pasando de 515 a 1.160 persoas en xullo.

Maite Ferreiro destacou que "o aumento de persoas que se achegan á cidade é froito da campaña Lugo Km 100, que está posicionando o noso concello como un referente do turismo de calidade e proximidade, poñendo en valor o patrimonio histórico e a ampla programación cultural coa que contamos", e afirmou que "Lugo é o mellor destino para fuxir das masificacións e desfrutar dunha gran cantidade de patrimonio cunha programación cultural ampla e diversa".

 

O turismo continúa a crecer en Lugo cun mes de xullo "que supera os datos do ano pasado", explicou Maite Ferreiro