A XUNTA NON TEN PREVISTA NINGUNHA INVERSIÓN PARA O COLEXO DE ANEXA
O Secretario Xeral de Educación respondeu con evasivas ás preguntas do BNG e dixo que a consellería retrasa as inversións no colexo lucense por non ser prioritarias
O parlamentario Cosme Pombo presentou unha batería de preguntas na comisión de Educación do Parlamento Galego sobre o futuro do CEIP Anexa de Lugo
A Xunta comprometeuse, fai dous anos, a construír un novo colexio nos terreos do Polideportivo da Facultade de Formación do Profesorado para resolver o problema
LUGO, 22 de outubro de 2013. O Secretario Xeral de Educación contestou con evasivas ás preguntas do parlamentario do BNG Cosme Pombo e non foi quen de concretar datas para acometer as necesarias ampliacións e melloras no CEIP Anexa de Lugo. O BNG presentou na comisión de educación do Parlamento Galego, por boca do parlamentario Cosme Pombo, unha serie de preguntas sobre o CEIP Anexa. Hai agora dous anos que a Xunta, por medio da súa xefatura territorial da consellería de Educación de Lugo, prometeu construír un novo colexio para o CEIP nos terreos do Polideportivo da Facultade de Formación do Profesorado para resolver o problema. Coa construción deste novo centro garantiríase a continuidade do CEIP Anexa no edificio actual e máis nese novo centro. Cosme Pombo manifestoulle ao Secretario Xeral de Educación a necesidade de construír unha pasarela de acceso para o alumnado de infantil e evitar que se mollen nos días de chuvia.
O BNG quere que o representante do goberno da Xunta na Comisión de Educación do Parlamento de conta de cal é a razón do incumprimento, por parte da Xunta, da promesa de construír un edificio para o CEIP Anexa de Lugo nas proximidades da edificación actual e tamén se é consciente a Xunta de Galiza do dano que produce aos intereses do CEIP Anexa de Lugo coa decisión que acaba de tomar, faltando á palabra dada. En canto á pregunta do parlamentario do BNG sobre se a Xunta de Galiza ten previsto a posibilidade de reconsiderar o acordo tomado e deixalo en suspenso ata que non se cumpra a promesa feita á comunidade educativa do CEIP Anexa de Lugo o representante da xunta respostou que a consellería non ten intención de que a Anexa abandone a súa actual ubicación. Respecto ao prazo que ten previsto a Xunta para acometer as obras prometidas ao CEIP Anexa a resposta foi que a Xunta non renuncia á inversión prometida no CEIP Anexa si ben RETRASA o seu investimento porque priorizan outras inversións.
No mes de xullo deste mesmo ano produciuse un acordo entre Xunta e USC para que a Escola de Formación do Profesorado de Lugo comparta tres aulas do CEIP Anexa. Este acordo provocou as protestas da ANPA deste centro e mesmo do propio centro porque se incumpre a promesa feita pola consellería de Educación de construción dunha edificación para ubicar parte das aulas do CEIP Anexa. Para o BNG resulta indignante que a decisión se adopte en xullo durante as vacacións escolares e non é de recibo a improvisación dun goberno que non permite compartir ESO e FP no colexio das Mercedes de Lugo pero que autoriza a invasión dos espazos dos máis pequenos do CEIP Anexa polos universitarios da Escola de Formación do Profesorado.
Cosme Pombo lembrou que o Grupo Parlamentar do BNG, sabendo da necesidade de construción dunha edificación para garantiren a continuidade do centro público CEIP Anexa de Lugo, presentou unha emenda aos orzamentos da Xunta de Galiza para o ano 2013 que foi votada en contra polos deputados/as do Partido Popular.
No CEIP Anexa están matriculados 450 alumn@s e dende hai varias décadas teñen problemas de espazo para poder impartir o ensino público, de infantil e primaria, cos parámetros de calidade que os tempos actuais demandan. Dende hai varias décadas tamén, a escola de maxisterio leva reclamando máis espazo polo incremento de alumnado e as necesidades de formación de graos e masters. O BNG entende como prioritario o defender a continuidade do CEIP Anexa de Lugo, cos espazos necesarios para garantiren unha educación de calidade e a altura dos tempos nos que estamos a vivir. Cosme Pombo aclarou que non se trata, nin é intención do BNG, de dar prioridade a un centro sobre outro se non que se trata de poñer a educación pública en primeiro lugar.
O Colexio Público Anexa de Lugo está ubicado, dende a mediada do século pasado (curso 1955/56) nun edificio anexo a Maxisterio para que os/as alumnos/as desa facultade puidesen facer prácticas. Andando o tempo (curso 96/97), o centro escolar foi gañando autonomía e converteuse nun CEIP público referente no centro da Cidade de Lugo.