O BNG LEVA UNHA PROPOSTA Á COMISIÓN DE CULTURA DO PARLAMENTO GALEGO SOBRE OS ACHÁDOS DE COESES
Numerosos colectivos manifestaron a importancia destes restos e o BNG ten presentado iniciativas no Parlamento Galego, no Congreso no Concello e na Deputación de Lugo
Santiago, a 4 de setembro de 2013. O parlamentario do BNG por Lugo, Cosme Pombo, pediu o apoio a todos os grupos da cámara para que o parlamento de Galiza inste ao Goberno Galego a adoptar as medidas necesarias para preservar e conservar os restos arqueolóxicos atopados en Coeses, así como a realizar as actuacións precisas para a súa posta en valor. Pombo sinalou, na súa intervención, que solucións técnicas existen e poden poñerse por riba da mesa para converter un problema nunha oportunidade para a posta en valor do noso patrimonio histórico.
Cosme Pombo lembrou que son moitas as voces que reclaman a conservación e posta en valor das tres unidades mencionadas por conformaren un excepcional xacemento arqueolóxico que sería de un valor único dende o punto de vista Histórico, cultural, patrimonial e con potencial grandísimo para o fomento do turismo cultural. Pombo referiuse ás manifestacións feitas neste senso por entidades e colectivos como: Lugopatrimonio, Cultura do País, Amigos da Unesco, Mariña Patrimonio, Adega, Academia Galega, USC, etc... Para o BNG está claro que é reponsabilidade da Xunta de Galiza non permitir a destrución duns restos.
Este conxunto consta de tres partes: o Castro de Valente por un lado, a Chousa do Castro por outro e no medio os transcendentais restos de inhumacións que serían destruídos polo actual trazado da Autovía. Dende o BNG sinalouse que todos os restos atopados deben ser tratados en conxunto xa que posúen un valor inconmensurable non só para Lugo senón para o conxunto da historia e do patrimonio galego, o cal necesariamente debe implicar a súa conservación e estudo.
Os restos arqueolóxicos atopados nas obras da Autovía Lugo-Compostela na parroquia lucense de Coeses son, segundo todos os expertos, un achado singular e importantísimo por tratarse dun conxunto arqueolóxico único e que permitiría coa súa conservación, abrir novas vías de investigación científica arredor do pasado castrexo lucense e galego, despexando incógnitas sobre as tradicións mortuorias até o de agora practicamente descoñecidas.
Para o BNG resulta lamentable que un proxecto destas características non contemple a protección do noso patrimonio xa que a existencia do Castro era coñecida e recoñecida por técnicos, especialistas e a propia toponimía do lugar indica, claramente, a existencia dun lugar que debe ser considerado de alta protección. Houbo xa dous cambios mínimos no trazado para evitar a destrución do Castro de Valente e da necrópole de icineración pero non se acometeu a desviación necesaria para evitar a destrución do xacemento que engloba a todo o xacemento de Coeses que é único no seu conxunto.