O BNG AA aposta por unir Lugo ca Mariña e con Compostela a través do Ferrocarril
Os nacionalistas levarán ao pleno municipal unha proposta para que a corporación reclame do goberno do estado unha mellora das comunicacións con Lugo a través do ferrocarril
Unhas comunicacións áxiles con Ourense e A Coruña teñen que ser un obxectivo fundamental a corto prazo afirmou Rubén Arroxo
Lugo, 17 de outubro 2015. O grupo municipal do BNG Asembleas Abertas presentou unha proposición para ser tratada no pleno da corporación municipal encamiñada a reclamarlle ao goberno do estado unha mellora das comunicacións con Lugo a través do ferrocarril. Entre as iniciativas dos nacionalistas está solicitar ao goberno central que inicie os estudos correspondentes para proxectar nun prazo coherente liñas ferroviarias de conexión entre Lugo e Compostela e entre Lugo e A Mariña.
Ademais os nacionalistas solicitarán, da corporación, un acordo para solicitarlle ao goberno central que se artellen os mecanismos necesarios para dotarnos de liñas de tren frecuentes e rápidas para unir as cidades de Lugo e da Coruña e de Lugo e de Ourense polo trazado xa existente. Rubén Arroxo sinalou que é necesarios unha mellora do servizo de cercanías que une os concellos polos que pasa o trazado existente con Lugo.
Arroxo lembrou que mentres que no resto de Europa se potencia o uso do ferrocarril coma transporte público e de vertebración territorial, en Galiza en xeral e en Lugo en particular, quedamos totalmente fóra destas infraestruturas. As conexións das que dispón Lugo cas outras cidades galegas en tren ordinario constan de tres ao día á Coruña e unha ao día a Ourense, ambas con tempo de traxecto superior á hora e media, algo que directamente disuade de usar este sistema como transporte de cercanías.
Arroxo criticou o desmantelamento dos servizos ferroviarios sufrido nos últimos anos e sinalou que A solución non pasa por poñer liñas de alta velocidade por todas as cidades, liñas de alto custe, grave impacto ambiental e dunha utilidade absurda para unir distancias inferiores aos 300km, senón que precisamos vertebrar Galiza a través de trens de cercanías para poder achegarnos dunha forma rápida, barata, ecolóxica e segura aos diferentes núcleos de poboación do país, e dende aí termos liñas de comunicación de alta velocidade co resto de territorios europeos
Conexións coa Mariña e Compostela
Cómpre lembrar que hai xa 140 anos se introducía no Plan de Ferrocarril unha liña que uniría Lugo coa Mariña e á súa vez Lugo con Marín. Case século e medio despois estas propostas quedaron abandoadas e sería fundamental de cara a unir Lugo co eixo cantábrico. Outra liña que leva décadas no debate, e que dende logo sería moi necesaria, é a que uniría Lugo con Compostela e á súa vez nos poñería en conexión directa co Eixo Atlántico Galego e con Portugal a través deste transporte.