Director
Novas

O BNG denuncia a falta de información sobre os almorzos dos colexios

Lugo, 6 de setembro de 2016. A concelleira do BNG, Maite Ferreiro, denuncia a falta de información que están a ter os pais e as nais a respecto do servizo de almorzos dos colexios “A falta de 4 días para o inicio das clases as familias non saben se van ter nos seus centros este servizo, isto está a causar importantes problemas para organizar a conciliación familiar”. Dende o grupo nacionalista consideran que esta situación está a provocar que nais e pais estean na busca de alternativas, dado que temen chegar ao inicio do curso sen posibilidade de atopar solucións no caso de que ao final non exista este servizo. O propio grupo do BNG explicou que nestes días recibiron avisos de pais e nais preocupados pola situación “dado que cando chaman non lles son capaces de confirmar nada”.

Para o BNG este é un novo caso de mala xestión por parte do goberno municipal que se suma ao caso dos propios comedores, “onde ao final quen está a pagar son as familias”. Maite Ferreiro lembrou que a Xunta está a incumprir con Lugo nesta materia, xa que debera ser quen se responsabilizase desta cuestión, mais que en todo caso o concello ten que poñer as debidas xestións en funcionamento para evitar que os nenos e nenas de Lugo queden sen este servizo.

Ler novas