no
Novas

O BNG lamenta que o escurantismo no deseño das novas liñas de bus deixe o rural esquecido

 

Lugo, 1 de agosto 2017. O BNG lamentou que o escurantismo que mantivo o goberno municipal no deseño das novas liñas de autobuses urbanos, na cal non se permitiu participar á oposición, dea como resultado unha peor conexión no rural. O grupo nacionalista, que solicitou en reiteradas ocasións que se convocase unha comisión co fin de poder tratar entre todos os grupos as diferentes propostas, considera que as liñas agora propostas non son nin moito menos as mellores, sobre todo no que afecta á zona rural “non só non se amplían as liñas que conectan a zona urbana coas parroquias, senón que nalgúns casos como Muxa ou Castelo redúcense” afirmou Rubén Arroxo. O propio portavoz municipal explicou o exemplo da liña que antes pasaba por Castelo e subía ata a Ronda da Muralla, agora desviarase por Fontiñas, algo que cuestionou, posto que moita poboación da zona agora terá que cambiar de bus na propia Ronda das Fontiñas para subir ata o centro, dificultando a mobilidade especialmente para a poboación maior. Neste mesmo sentido o concelleiro tamén lamentou que non se intentase ampliar as liñas de buses no rural, posto que nas súas palabras “do outro lado do Miño, no que son as parroquias da zona oeste do concello, o servizo de transporte público é na práctica inexistente”.

 

O grupo nacionalista propón reunir a todos os grupos municipais e mirar que posibilidades de modificación das liñas existen, “entendemos que hai que xuntarse e falar de solucións, porque se queremos que viva xente no rural o que non se pode é seguilo deixando en estado de esquecemento e de recorte de servizos” explicaba Rubén Arroxo lembrando que estas xuntanzas se deberon ter feito antes de presentarse as novas liñas “posiblemente a alcaldesa quixo sacar en solitario o titular das novas liñas, sen ter nin tan se queira analizado se melloraban a situación anterior” afirmou o portavoz do BNG.

 

Recollida de sinaturas. A propia veciñanza do rural está a cuestionar estas novas rutas, nalgunhas parroquias como Castela ou Muxa comezaron a facer unha recollida de sinaturas para non perder o servizo de transporte público.

Ler novas
Novas

O BNG instala un “letreiro de obra” no lugar onde conta instalar o acceso ao río

Lugo, 28 de xullo 2017. O BNG-AA instalou un “letreiro de obra” nas Saamasas no lugar onde ten os permisos pertinentes da Confederación Hidrográfica Miño Sil e da Consellería de Medio Ambiente, no que apunta información sobre o acceso ao río anunciando que o prazo de execución de obra será en canto a Deputación de Lugo o permita “nós deixámolo claro, en canto a Deputación o permita, que é a propietaria do terreo, faremos o acceso” sinalou Rubén Arroxo. O concelleiro nacionalista critica que o PSOE estea tan empeñado en evitar que a veciñanza de Lugo teña unha zona pública no río onde bañarse, e que despois de 8 anos sen facer nada, e cunha proposta do BNG aprobada en pleno, agora siga boicoteando unha proposta do propio grupo nacionalista “temos os permisos das outras institucións, pero o PSOE utiliza a Deputación como ferramenta para evitar que poidamos instalar o acceso”.

O BNG lamentou que xa pasara un mes dende que recibiu todas as aceptacións medioambientais, e que o goberno provincial do PSOE siga impedindo o uso deses terreos “o presidente da Deputación nin tan se queira aceptou recibirnos para falar do tema, tal e como lle pedimos hai 3 semanas, é unha pataleta que ten o PSOE de poñerse totalmente en contra de que a xente de Lugo poida usar o río para o baño” afirmou o voceiro do BNG, lembrando que Lugo segue a ser un dos poucos concellos polos que pasa o Miño e que non dispón dunha zona pública para o baño.

Para o BNG a posición que ten o PSOE a respecto da zona pública de baño no Miño é a de “non facer, nin deixar facer”, engadindo ademais que se destaparon todas aquelas falacias soltadas polo propio goberno de que era imposible facer esta infraestrutura en Lugo, ao descubrir o BNG, e facelo público, que o goberno municipal nunca rematara as xestións administrativas necesarias “o PSOE vai lograr algo inaudito, impedir que unha iniciativa positiva para Lugo como é esta, e con todos os permisos aceptados, quede paralizada polos seus caprichos” explicou Rubén Arroxo.

Ler novas