AS ALEGACIÓNS DO BNG Á ORDENANZA DE CIRCULACIÓN FAN DE LUGO UNHA CIDADE MÁIS AMABLE PARA CICLISTAS

AS ALEGACIÓNS DO BNG Á ORDENANZA DE CIRCULACIÓN FAN DE LUGO UNHA CIDADE MÁIS AMABLE PARA CICLISTAS

Os nacionalistas anunciaron o seu apoio á aprobación desta ordenanza tras coñecer o texto definitivo

As bicicletas poderán circular polas zonas peonís, non se sancionará a menores de 12 anos por utilizar a beirarúa, nin se multará por aparcar bicicletas encadeadas a elementos da vía

LUGO, 26 de marzo de 2013. O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego no concello de Lugo anunciou hoxe que votará favorablemente á aprobación da Ordenanza Municipal de Circulación no pleno da corporación que se celebrará o día 1 de abril. Segundo a edil Paz Abraira “as alegacións pretendían mellorar un documento necesario para Lugo”. A redacción final do documento que se elevará a pleno recolle a práctica totalidade das alegacións que foran presentadas polo BNG no seu momento.  Abraira dixo que “a norma contribúe a que a maior parte da cidade se converta nun espazo seguro e amable para os peóns e para as persoas usuarias da  bicicleta”.

Un dos obxectivos fundamentais da ordenanza municipal de circulación debe ser o de regular a circulación de ciclos e bicicletas na zona urbana. Esta ordenación non está prevista pola ordenanza xeral de circulación e por iso son os concellos os que deben de regulala e adaptala ás circunstancias propias de cada municipio. Por isto o BNG centrou, segundo Paz Abraira, boa parte das súas alegacións nos aspectos relativos á utilización da bicicleta. Ademais, lembraron os representantes do BNG, que é un vehículo que está a incrementar o número de usuarios debido, en parte, ao incremento do prezo dos combustibles.

Coa incorporación das demandas do BNG ao texto da ordenanza increméntase o número de zonas habilitadas para o uso da bicicleta, incluídas as zonas peonís da cidade. Tamén queda aberta a posibilidade de que o concello autorice, mediante a sinalizacións axeitada,  a circulación de bicicletas por determinadas beirarrúas para facilitar que os ciclistas teñan rutas alternativas e poidan evitar percorridos excesivos. Ademais a ordenanza permitirá que os menores de doce anos vaian pola beirarrúa con bicicletas ou triciclos. Outra das alegacións estimadas, que fora presentada polo BNG, ía en contra da prohibición, prevista inicialmente, de transportar menores en remolques de bicicletas.

Outro dos puntos máis controvertidos da ordenanza era a prohibición de aparcar as bicicletas atadas ou encadeadas a elementos da vía. Esta prohibición desaparece do texto ademais de quedar prevista a instalación, por parte do concello, de aparcadoiros para bicicletas en diferentes zonas da cidade tal e como reivindicaba o BNG. Retíranse, tamén, as sancións previstas no caso de aparcamento de bicicletas atadas a elementos da vía. No texto incluíuse un novo apartado para a regulación dos chamados Itinerarios Escolares, atendéronse as correccións de forma no texto do borrador e eliminouse o parágrafo que obrigaba aos peóns a circular pola dereita da beirarrúa.

Uso do galego nos sinais de tráfico

Outra das alegacións presentada polo BNG era relativa ao artigo 69 que define o idioma no que debe de aparecer o texto nos sinais de tráfico. Inicialmente o borrador da ordenanza relegaba o idioma galego a un segundo plano e obrigaba a que o texto fose expresado “polo menos, no idioma español, oficial en todo o territorio do Estado”. A redacción final da ordenanza será “as indicacións escritas nos sinais expresaranse nos idiomas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia”.

AS ALEGACIÓNS DO BNG Á ORDENANZA DE CIRCULACIÓN FAN DE LUGO UNHA CIDADE MÁIS AMABLE PARA CICLISTAS