O BNGAA pide a retirada da bandeira da Unión Europea dos edificios municipais de Lugo
As políticas da UE coas persoas que fuxen da guerra e da miseria obríganos a propoñer esta acto de repulsa contra as políticas dictadas dende Bruxelas dixo Rubén Arroxo
O BNG AA busca un xesto simbólico para evidenciar a vergoña que sentimos de pertencer a unha Unión Europea disposta a tratar como animais a persoas refuxiadas
Lugo, 13 de marzo de 2016. O voceiro do BNG Asembleas Abertas no concello de Lugo, Rubén Arroxo, reclamoulle á alcaldesa socialista que se proceda á retirada das bandeiras da Unión Europea (UE) dos espazos oficiais do Concello e dos edificios municipais, en sinal de protesta polo acordo acadado ente a UE e Turquía para expulsar, sen posibilidade de solicitar asilo, a todas as persoas chegadas dende paises en conflicto e pola deriva que tomaron as políticas da UE en materia migratoria.
Arroxo explicou que, o grupo municipal do BNG Asembleas Abertas considera que o acordo económico imposto pola UE e Turquía viola os dereitos humanos fundamentais, tal e como indicou a ONU e sosten que o concello de Lugo non pode permanecer alleo nin impasible ante unha decisión deste tipo. Rubén Arroxo pediulle a Lara Méndez e ao grupo do PSOE que non miren cara outro lado e que, ademais atender os problemas internos do partido, tomen medidas para visibilizar o apoio do concello de Lugo ás persoas que quedan sen saída ante unha situación de inxustiza de proporcións inconcibibles neste século.
O portavoz do BNG AA lembrou que a maioría dos lucenses, galegas e galegos non apoia un acordo que atenta contra a legalidade internacional e os dereitos humanos e engadiu que o mínimo que podemos facer dende o concello é un xesto simbólico para evidenciar a vergoña que sentimos de pertencer a unha Unión Europea disposta a tratar como animais a persoas que fuxen dunha guerra provocada dende occidente.