O BNG - AA reclama a convocatoria do Foro de Igualdade do concello, que está inactivo dende 2014
"Presentaremos diversas iniciativas no parlamento para reclamar unha mellor regulación das axudas ás vítimas de violencia de xénero e máis formación para o persoal da atención ás mulleres afectadas explicou Carme Adán
Lugo, 18 de setembro de 2015. A edil do BNG Asambleas Abertas, Maite Ferreiro, compareceu hoxe en rolda de prensa acompañada da parlamentaria do BNG, Carme Adán. Ferreiro reclamoulle á alcaldesa de Lugo a convocatoria do Foro de Igualdade do concello para que a nova corporación municipal poida facer propostas de cara a mellorar, de xeito transversal, as políticas de igualdade no concello de Lugo. Maite Ferreiro lembrou que o Foro de Igualdade non foi convocado dende o primeiro trimestre de 2014 e expresou o seu desexo de que o feito de que Lugo conte coa primeira alcaldesa sexa un alicerce para que as políticas en materia de igualdade avancen de xeito transversal en todas as áreas de goberno.
Pola súa banda a parlamentaria do BNG, Carme Adán, pediu que se analicen as razóns que se dan en Lugo para que sexa a provincia na que se concederon menos salarios da liberdade dende a implantación desta medida de protección ás vítimas da violencia de xénero. Adán informou que dende o ano 2006 o número de axudas concedidas a mulleres vítimas de violencia de xénero foi en Lugo de 335; en Ourense de 348; en Pontevedra de 933 e na Coruña de 1059. Para o BNG resulta escaso o número de perceptoras do salario da liberdade en Lugo se temos en conta que a media do número de denuncias é de 500 a 600 por ano.
Carme Adán lembrou que o salario da liberdade foi implantando polo BNG cando participou do goberno da Xunta e dende o ano 2006 Galiza é pioneira neste tipo de axudas que oscilan entre 300 e 800 euros mensuais. Galiza é a única comunidade onde é posible solicitar a axuda sen ter presentado denuncia.
O BNG levará ao parlamento diversas iniciativas, a proposta da asociación lucense Si, hai Saída, para reclamar información concreta sobre cal é situación da provincia. Ademais solicitarase que se faga unha análise do perfil das mulleres vítimas de violencia de xénero e farase un proposta para incrementar a formación a todo o persoal que participa dos procesos de atención ás vítimas.