A peonalización da ronda da Muralla ten que ser un obxectivo para cidade dixo Rubén Arroxo
Dende o BNG Asembleas Abertas plantéxase un proposta na que exista un único carril de tráfico calmado, amplas beirarrúas e espazo para o uso da bicicleta
Reducir o tráfico na Ronda da Muralla é a oportunidade de gañar un espazo para as persoas e promover o comercio e a hostalería nun lugar privilexiado ao carón dun elemento Patrimonio da Humanidade
Lugo, 17 de setembro de 2015. O voceiro do BNG Asembleas Abertas, Rubén Arroxo, anunciou que a formación que representa incluirá entre os seus obxectivos a peonalización íntegra da Ronda da Muralla. Esta proposta plantexa unha ronda na que exista un único carril de tráfico calmado, amplas beirarrúas e espazo para o uso da bicicleta. Arroxo dixo que a peonalización da Ronda da Muralla ten que ser un obxectivo para a cidade e hai que abrir o debate.
Arroxo afirmou que durante os días pasados os lucenses vivimos perfectamente sen circular pola Ronda e este é o momento de avanzar nun Lugo á altura do século XXI. O voceiro do BNG-Asembleas Abertas explicou que se mantería un carril de tráfico calmado para dar servizo e permitir a circulación pero evitaríase que a Muralla continúe estando rodeada permanentemente de vehículos e convertida nun lugar hostil para peóns e ciclistas.
Dentro da proposta dos nacionalistas encadrase a necesidade de configurar un sistema de transporte público axeitado e compatible co calmado do tráfico, a priorización do peón como figura principal e a potenciación do uso da bicicleta. Arroxo dixo que reducir e calmar o tráfico na Ronda da Muralla é a oportunidade de gañar un espazo para as persoas e promover o comercio e a hostalería nun lugar privilexiado ao carón dun elemento Patrimonio da Humanidade.
Outra das razóns para acometer esta importante transformación está na necesidade de preservar fisicamente a Muralla que, a día de hoxe, está sometida a todas as vibracións provocadas polo tráfico rodado explicou Rubén Arroxo quen afirmou que Lugo leva retraso en apartar a circulación de vehículos dun monumento como é a Muralla e puxo o exemplo doutras cidades con monumentos significativos como é o caso do acueduto de Segovia.