O BNG-Asambleas Abertas pide un impulso dos recursos turísticos do Concello
A edil nacionalista, Maite Ferreiro, dixo que as aplicacións para dispositivos móbiles están baleiras de contidos en canto á programación de actividades a última actividade de verán é de setembro de 2014
Os nacionalistas tamén pediron que se aproveiten as ferramentas virtuais e criticaron a pouca funcionalidade para a promoción turística da web do concello
Lugo, 27 de xullo, 2015. O BNG demandou hoxe, por voz da edil Maite Ferreiro, que se dea un impulso aos recursos dos que dispón o concello para a promoción turística de Lugo. Ferreiro explicou que, dende o goberno municipal, parece que non existe preocupación por aproveitar e optimizar os recursos dos que dispoñemos para incrementar o número de visitantes. Ferreiro engadiu que hoxe en día é vital, para a promoción turística, que os medios virtuais sexan cribles e conteñan unha información exacta e verdadeira.
Maite Ferreiro sinalou que as aplicacións para dispositivos móbiles non dispoñen da programación de actividades culturais e lúdicas que se programan dende o concello. Resulta difícil de entender que, cando é o mesmo departamento o que xestiona turismo e cultura, non haxa capacidade para facer que a actividade cultural se reflexe nos contidos da web de turismo. Dende o BNG-AA sinalaron, tamén, que o concello de Lugo está a facer importantes desembolsos económicos para a posta en marcha destas plataformas virtuais e para o seu mantemento e pola contra semella que non hai vontade política para darlles a utilidade e a importancia que teñen estas ferramentas para a economía lucense.
A edil nacionalista exemplificou esta falta de atención sinalando o feito de que na aplicación para móbiles Lugoturismo a última programación de actividades para o verán que aparece é de setembro do 2014 e está totalmente desactualizada. Outro exemplo desta desatención é que na aplicación para dispositivos móbiles Lugo Turismo, en referencia á actividade do MIHL, somentes aparece información referida ao mes de febreiro e non aparece ningunha información a respecto das actividades e exposicións que se teñen realizado dende aquela dixo Maite Ferreiro.