O BNG-Asembleas Abertas apura ao goberno municipal para que convoque a mesa da mobilidade
Lugo vive sumerxido nun atasco de tráfico e o goberno está estancado no seu propio atasco dixo Rubén Arroxo
Os nacionalistas presentaron un escrito reclamando que a convocatoria da mesa da mobilidade se faga no menor tempo posible
Lugo, 8 de xaneiro de 2016. O portavoz municipal do BNG Asembleas Abertas no concello de Lugo, Rubén Arroxo, rexistrou hoxe un escrito dirixido á alcaldesa para reclamar que no menor tempo posible se convoque a mesa da mobilidade. Arroxo lembrou que dende a súa formación xa se fixeron diversas propostas de mellora na regulación do tráfico e a respecto de incrementar as zona peonís e reforzar o transporte público.
Arroxo sinalou que dada a situación de colapso no tráfico de Lugo durante as últimas datas fica demostrada a necesidade de iniciar de inmediato un proceso de cara a apostar por unha nova mobilidade na zona urbana do Concello de Lugo. Para o BNG Asembleas Abertas estes días demóstrase que o modelo de mobilidade actual está totalmente esgotado e hai que tomar medidas.
Para o BNG Asembleas Abertas o que está a suceder estes días demostra que o actual modelo está esgotado e hai que sentarse para buscar solucións. Arroxo lamentou a falta de iniciativa por parte do goberno municipal e puntualizou que Lugo vive sumerxido nun atasco de tráfico e o goberno está estancado no seu propio atasco.