O BNGAsembleas Abertas presenta unha proposición para o coidado do Parque do Miño
Para Rubén Arroxo É un luxo que teñamos Lugo rodeado de parques, pero de nada serven se non se coidan
Lugo, 10 de decembro de 2015. O portavoz municipal do BNG Asembleas Abertas no concello de Lugo, Rubén Arroxo, informou que o seu grupo ven de presentar unha proposición para o pleno do vindeiro 21 de decembro de cara a solicitar á deputación e ás outras institucións competentes a mellora do parque do Miño. O grupo nacionalista afirmou que dito parque ten a superficie totalmente estragada polo paso de maquinaria pesada o chan está moi afectado polas rodeiras e os afundimentos polo paso de vehículos e cando chove acábanse formando auténticas lagoas dixo Rubén Arroxo.
O propio concelleiro afirmou que nesta época hai moita xente que usa este parque para pasear, facer deporte ou como momento de descanso, xa que está nunha zona próxima ao núcleo urbano, polo que permite achegarse camiñando ou en bicicleta, a maiores de estar iluminada. Dende o BNG Asembleas Abertas consideran que Lugo é unha cidade privilexiada por ter un importante número de zonas verde, mais consideran que deben de ter un coidado máis acaido É un luxo que teñamos Lugo rodeado de parques, pero de nada serven se non se coidan, afirmou o concelleiro nacionalista.
Dende o grupo municipal tamén quixeron lembrar que no verán xa solicitaron un maior coidado destes sendeiros, pedindo os desbroces necesarios, posto que algunhas zonas resultan intransitables. Existe moi pouco interese dende as diferentes institución pola atención destas zonas, e vémolo cando se atopan nun total abandono afirmou Arroxo. Estes desbroces volveran ser pedidos na iniciativa plenaria que presenta o grupo nacionalista, solicitando que haxa unha limpeza regularizada da maleza existente nos camiños para evitar que estes queden constantemente bloqueados.