O BNG CHAMA A REIVINDICAR A SOBERANÍA NO DÍA DA PATRIA GALEGA
O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, defendeu a importancia para Galiza de poder gobernarse a si mesma para poñer en valor os sectores produtivos propios e xerar riqueza
A xornada comezou pola tarde cunha feira de asociacións, presentacións, obradoiros para nenos e nenas e teatro de rúa e rematou co acto público co portavoz nacional do BNG e un concerto
Lugo, 18 de xullo de 2013. Esta tarde, o BNG de Lugo levou a cabo unha xornada de celebración con motivo do vindeiro Día da Patria o 25 de xullo, un acto que acolleu unha feira de asociacións, actividades para nenos e nenas, teatro e máis actividades, e rematou cun acto público onde participou o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, xunto á responsábel comarcal do BNG, Esther López, o deputado do BNG no Parlamento Galego, Cosme Pombo, e Lucía López, en representación de Galiza Nova e representantes de movementos so Plataforma para a Defensa do IES das Mercedes e do Ensino Público, da Plataforma na Defensa da Sanidade Pública e da Plataforma de Afectados polas Preferentes e Subordinadas de Lugo.
Esther López afirmou que desde o BNG incidirase na necesidade de mobilización social porque a sociedade non pode ficar de brazos cruzados mentres toman medidas que agravan aínda máis a recesión e destrúen aínda moitos máis postos de traballo. O BNG quere chamar á cidadanía lucense á mobilización e que se poña en pé na defensa dos seus dereitos o 25 de xullo, e que a xente botada á rúa sexa un dique de contención contra o vendaval centralista, antisocial e antidemocrático que ten levantado o PP contra Galiza.
Cosme Pombo falou da necesidade de saír á rúa nun día festivo e reivindicativo a partes iguais xa que día a día seguen a recortarnos dereitos e a precarizar as condicións de vida e de traballo da maioría social, para que finalmente sexan as clases traballadoras quen paguen unha crise que non provocaron, ao tempo que se protexen e benefician os intereses de banqueiros, especuladores e defraudadores. Fronte á máxima cifra histórica de paro en Galiza, cando milleiros de rapaces e rapazas teñen que emigrar fóra do país por culpa das nefastas políticas do PP na Xunta de Galiza e no Estado, é hora de reivindicar o dereito a vivir e a traballar de xeito digno na propia patria.
Cosme Pombo vinculou a falta de soberanía aos problemas de moitos sectores produtivos galegos entre os que destacou o naval, pesqueiro, agrogandeiro, pequeno comercio e o monumental roubo provocado polas participacións preferentes. Nesta liña, Pombo mencionou a desfeita que o PP fixo con Alimentos Lácteos, deixando un pufo de 12 millóns de euros de diñeiro de todos e todas nós nun proxecto que sería clave para poder crear un grupo lácteo galego, como defendeu o BNG, que contribuiría a mellorar a situación dun sector ferido de morte e que é vital para moitas comarcas lucenses.
Pola súa banda, o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, lembrou que Lugo foi unha cidade historicamente vinculada ao nacionalismo, posto que aquí xurdiron moitos acordos e principios fundacionais do nacionalismo organizado no século pasado e falou da necesidade de darlle continuidade ás reivindicacións que historicamente fixeron os nosos predecesores, reclamando a soberanía para unha nación, a galega, que sairá da situación na que se atopa sempre e cando non estea sometida a ditames que proveñan de fóra e sexa quen de poñer a producir os seus propios recursos.