O BNG di que a proposta do PP de situación da zona de baño é unha bestialidade
O BNG quere unha zona de baño público, o PP aposta por destruír unha zona de refuxio de aves afirmou Rubén Arroxo
Lugo, 11 de xullo 2016. Trala presentación ao resto de grupos da proposición ao pleno por parte do PP da zona de baño público, o BNG AA respondeu de forma inmediata para esixir cordura a respecto do lugar onde o grupo popular quere situar a zona de baño público. O BNG que leva xa dende que presentou unha iniciativa no pleno do 13 de abril de 2009, pedindo esa zona de baño público na zona das Saamasas, dixo que a proposta do PP para levala á confluencia do Miño co Rato non ten pes nin cabeza polo impacto medioambiental nesa zona. O voceiro do BNG, Rubén Arroxo advertiu que nese lugar existe unha insua virxe que serve como refuxio para as aves, onde crían nela, e apuntou como bestialidade que o PP chegue a propoñer facer un enlace para que a xente se mova por ela para pasar á outra beira O BNG quere unha zona de baño público, o PP aposta por destruír unha zona de refuxio de aves, ademais de contar cun leito cheo de cría de mexillón de río. A maiores disto dende o BNG animaron aos concelleiros e concelleiras do PP a visitar esa zona de cara a que a coñezan antes de facer as propostas, mentres nas Saamasas hai unha profundidade óptima para o baño, na Tolda no verán a auga non supera a altura do xeonllo.
Dende o BNG informaron que lle van presentar unha emenda á proposición do PP co fin de acadar a ansiada zona de baño público para Lugo, pero sen facer unha burrada como se teñen feito no pasado neste concello. O grupo nacionalista ve ilóxica a postura do PP, cando segundo o propio Rubén Arroxo, xa advertiu aos populares do impacto medioambiental nese punto nunha comisión municipal celebrada hai case un ano, e máis cando xa había un proxecto anunciado para facela na propia zona das Saamasas que simplemente habería que adaptalo para cumprir as cuestión de impacto ambiental.