O BNG ESIXE A FEIJÓO QUE DEA A CARA TRALA SENTENZA DO TSXG ANULANDO O PLAN SECTORIAL DE BARREIROS
Antonio Veiga acusa ao PP de querer legalizar un auténtico pelotazo urbanístico con fondos públicos
Bieito Lobeira sentenciou que Núñez Feijóo ampara legalmente con acordos administrativos do Consello da Xunta a mafia urbanística polo que ten que dar a cara e asumir responsabilidades
Lugo, 27 de xuño de 2013. Esta mañá compareceron no local comarcal do BNG de Lugo o concelleiro do BNG en Barreiros, Antonio Veiga; o deputado do BNG no Parlamento Galego, Cosme Pombo; e o Secretario de Organización do BNG, Bieito Lobeira, para dar conta da posición do BNG a respecto da sentenza do TSXG sobre a anulación do plan sectorial de infraestruturas de Barreiros.
Antonio Veiga afirmou que esta sentenza do TSXG bota abaixo o maior pelotazo urbanístico da historia de Galiza, co que a Xunta de Galiza pretendía derivar fondos públicos para legalizar as irregularidades duns poucos. O fondo da resolución xudicial é un suposto de desviación de poder por parte do goberno galego, o que é un feito sen precedentes xa que non hai ningún goberno de ningunha comunidade autónoma que teña incorrido neste ilícito que está próximo á prevaricación. Independentemente das responsabilidades xurídicas e penais nas que pode incorrer o goberno galego, e das responsabilidades xurídicas nas que poidan incorrer os diferentes actores, como o alcalde de Barreiros (lembremos que a Audiencia Provincial ordenou investigalo por prevaricación), é o momento de que a Xunta de Galiza asuma responsabilidades políticas, polo que Feijóo ten que comparecer no Parlamento Galego e dar explicacións desta chapuza. O PP está deixando claro ao servizo de quen está: aos intereses duns poucos especuladores poñendo incluso cartos públicos para beneficialos.
Veiga explicou que aínda por riba, agora semella que teñen intencións de legalizar a situación de Barreiros co PXOM cando hai unha sentenza que anula o Plan Sectorial que se fixo precisamente para legalizar esta situación. Isto é xa non é un erro, isto sería mala fe se o PP pretende co PXOM legalizar o que hai feito de xeito ilegal.
Pola súa banda, o deputado lucense do BNG no Parlamento Galego, Cosme Pombo, deu conta das iniciativas presentadas polo grupo parlamentar do BNG para esixir da Xunta de Galiza unha solución a esta problemática ilegal. Cosme Pombo explicou que, ademais de presentar diversas preguntas para coñecer cal vai ser a actuación da Xunta e que custes vai ter para o erario público esta sentenza, o BNG a través dunha proposición non de lei esixe á Xunta de Galiza executar de forma inmediata a sentenza ditada pola sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza no procedemento ordinario nº 4438/2011, e que na súa virtude se proceda á anulación inmediata do plan sectorial aprobado o día 26 de maio de 2011 polo Consello da Xunta para a mellora e ampliación das infraestruturas de saneamento, abastecemento e rede viaria no concello de Barreiros.
Cosme Pombo afirmou que se insta á Xunta a depurar as responsabilidades políticas, ao máis alto nivel, é dicir, o sr. Núñez Feijóo, que se deriven desta actuación cualificada polo TSXG como unha desviación de poder, e polas graves consecuencias que pode motivar para o interese público.
O secretario de organización do BNG e exparlamentario, Bieito Lobeira, manifestou o recoñecemento da Executiva do BNG ao traballo teimudo e heroico dos compañeiros do BNG de Barreiros, que desde hai anos, baixo unha incomprensión case absoluta e moitas acusacións do poder político por parte do PP, levaron adiante sempre a bandeira da honestidade para defender unha política urbanística ao servizo da protección do litoral no contexto dun territorio que poida ser habitábel en termos humanos.
Bieito Lobeira foi tallante e afirmou que non estamos a falar dun caso de marbellización da costa galega, senón dunha auténtica barreirización da costa galega. Atopámonos cun Partido Popular nun estado quimicamente puro. Lobeira manifestou que estes son os intereses que defende o PP. É un goberno politicamente corrupto ao servizo dos intereses especulativos da mafia urbanística que opera na nosa nación. E a isto o BNG fai e fixo sempre fronte, máis neste momento onde unha sentenza xudicial dá por fin a razón a posicións que o BNG mantivo en moitas ocasións en solitario fronte a este acto de corrupción política e urbanística legalizada, nada máis e nada menos, por un Consello da Xunta.
Ao fío disto, Lobeira sentenciou que Núñez Feijóo ampara legalmente con acordos administrativos do Consello da Xunta a mafia urbanística que pretende obter beneficio con millóns e millóns de euros das arcas públicas. O BNG esixe depurar responsabilidades ao máis alto nivel, comezando polo presidente da Xunta de Galiza porque é o máximo responsábel desta situación totalmente aberrante, e non con ánimo de vinganza, senón para que feitos como este non se volvan a producir no noso país. Non nos merecemos un goberno que considera que Galiza non é un país senón un sumatorio de parcelas nas cales poder especular e obter beneficio empresarial a través da especulación urbanística.