O BNG FELICITOU Á VECIÑANZA DE LUGO E Á PLANTILLA DE URBASER POLA RESOLUCIÓN DO CONFLITO
A voceira do BNG destacou o civismo dos lucenses e a unidade da plantilla de Urbaser
Paz Abraira afirmou que esta solución puido darse fai moito tempo se o goberno municipal adoptara unha actitude máis firme coa empresa
Lugo, a 7 de agosto de 2014. A voceira do BNG no concello de Lugo valorou positivamente a finalización desta folga de recollida do lixo en Lugo. A edil nacionalista amosou a súa satisfacción e felicitou aos veciños e veciñas de Lugo polo seu civismo durante estes días. Paz Abraira tamén felicitou aos traballadores e traballadoras que, despois case 60 días de folga, recuperan a súa vida normal. Abraira lembrou, tal e como se demostrou hoxe, que o BNG sempre dixo que a única saída posible a este conflito sería unha saída negociada entre a empresa e os traballadores. A voceira nacionalista afirmou que esta solución puido darse fai moito tempo se o goberno municipal adoptara unha actitude máis firme coa empresa.
Dende o BNG destacouse o exemplo de civismo das e dos lucenses e Paz Abraira tamén felicitou á plantilla de traballadores e traballadoras de Urbaser que recuperan a normalidade e conseguiron, grazas á súa unidade, boa parte dos dereitos laborais que reclamaron durante estes días. Abraira criticou ao goberno de López Orozco que non foi capaz de adoptar medidas que fixeron fronte a Urbaser en ningún momento e sinalou que tivo que darse unha saída negociada por que era a única solución posible, tal e como sempre dixo o BNG.
O BNG levou a pleno no mes de xuño unha iniciativa para solicitar que a coroporación adoptase un acordo que levase a esa solución negociada que temos hoxe enriba da mesa. Paz Abraira lamentou que naquel momento nin PP, nin PSOE quixeron apoiar a proposta que era dos traballadores e traballadoras de Urbaser. Unha proposta que si foi adiante e foi a resolución final a este conflicto afirmou Abraira. A nacionalista criticou a actitude da multinacional Urbaser que, segundo Paz Abraira, non lles importaba o contrato de Lugo, querían dar un escarmento a traballadores que teñen noutros puntos do estado e tomaron Lugo como refen para dar exemplo.
Cobro dos recibos
Para o BNG é lóxico que os veciños e veciñas reclamen que non se lles pase ao cobro o recibo de recollida do lixo. Abraira lembrou que por culpa do goberno municipal Urbaser campou por Lugo ás súas anchas incumprindo co contrato que ten subscrito con concello de Lugo. Abraira sinalou que o BNG apoiou no pleno do mes de xuño unha iniciativa para que non se pasara ao cobro o recibo de recollida do lixo e entendemos que non se debeu facer neste momento por respeto a todas as persoas que levan 60 días sufrindo os efectos da folga.
Os custos da folga
A edil do BNG anunciou que esta folga terá custes para concello. Paz Abraira referiuse a gastos que vai asumir o concello de Lugo como o pago aos axentes da Policía Local que estiveron protexendo a traballadores da empresa Urbaser que se trasladaron a Lugo dende outros puntos e que estiveron impedindo que o dereito á folga dos traballadores de urbaser se desenvolvera con liberdade. Abraira cargou toda a responsabilidade no alcalde que é quen dirixe a policía local.