O BNG LAMENTA “A POBREZA EMOCIONAL” DO GOBERNO MUNICIPAL EN RELACIÓN Á INFANCIA

O BNG LAMENTA “A POBREZA EMOCIONAL” DO GOBERNO MUNICIPAL EN RELACIÓN Á INFANCIA

bico1O goberno municipal non permitiu a instalación da caseta de lactancia materna durante o San Froilán por que un escrito non foi presentado na forma correcta 

“O concello de Lugo participa en iniciativas internacionais de apoio á infancia o que contrasta co feito que se deixe sen estes servizos aos nenos e nenas de Lugo” dixo Cristina Ferreiro

Lugo, 31 de outubro 2014. A edil do BNG, Cristina Ferreiro, manifestou a súa sorpresa tras recibir a contestación do goberno local en relación ás preguntas presentadas para averiugar as razóns de por que este ano non  se instalou no recinto feiral do San Froilán a caseta que xestionaba a asociación Bico de Leite. Cristina Ferreiro cualificou de “pobreza emocional” a actitude dun goberno local que eliminou a caseta de lactancia materna daba servizo ás nais e pais que, ademais de alimentar aos nenos e nenas, precisaban un espazo para cambiar cueiros ou quentar bibeiróns.

Dende o goberno local trataron de xustificar a falta desta instalación alegando que a asociación que xestionaba este espazo presentou “un escrito” e non “unha solicitude”. Para Cristina Ferreiro “non é xustificable” que se desatenda esta necesidade xa que “o concello ten mecanismos para contactar con esta asociación que leva anos colaborando, de xeito desinteresado, co concello e xestionando este espazo nas festas do San Froilán”. Cristina Ferreiro cualificou de “pouco ético” o feito de que o goberno muicipal trate de “escurrir o bulto” dicindo que non se presentou ningunha solicitude.

Para o BNG “non é normal que unha administración como o concello de Lugo non sexa sensible a cuestións deste tipo” e engadiu que “o PSOE pretende acadar recoñecementos internacionais relacionados coa infancia para o concello de Lugo mentres desatende as máis básicas necesidades neste eido”. Cristina Ferreiro salientou que “precisamente a concelleira de cultura ten experiencia en este tipo de cuestións polos anos que foi responsábel de servizos sociais e non entendemos como se puido descuidar”. Para o BNG “a pesares de que esta instalación non é necesaria para moita xente da que visita o San Froilán si que é importante para as moitísimas nais e pais que se achegan ás barracas cos seus cativos e cativas”.

 “Trátase duna instalación que leva anos funcionando sen ningún problema e o goberno municipal ten que ter a responsabilidade de manter algo que non, ademais, non ten un custo elevado” afrimou Cristina Ferreiro. Para o BNG está claro que na organización das festas deste ano “non houbo unha mínima preocupación polos máis pequenos”.

 

O BNG LAMENTA “A POBREZA EMOCIONAL” DO GOBERNO MUNICIPAL EN RELACIÓN Á INFANCIA