EN NINGÚN CASO SE PERDEU NINGÚN PROXECTO POLA XESTIÓN DO BNG E MOITO MENOS POR CUESTIÓN DO IDIOMA
Para o BNG a responsabilidade política do que aconteceu no pleno do luns téñena o alcalde de Lugo e o responsable local do PSOE lucense, Luís Álvarez, por permitirlle mentir a un concelleiro do PSOE
O actúal concelleiro de infraestruturas mentiu, cuestionou a actuación dos funcionarios municipais e trasladou unha información sesgada, falsa e torticeira afirmou Abraira
Lugo, 5 de novembro 2014. A voceira do BNG desmentiu, en rolda da prensa, as acusacións verquidas no pasado pleno polo concelleiro socialista sobre a perda de finanzamento para a humanización da praza do Agro do Rolo. Abraira presentou unha serie de documentos e correos electrónicos de conversas mantidas entre a área de infraestruturas, da que a edil nacionalista era responsable naquel momento, e o Ministerio de Fomento. Quedou claramente demostrado que o proxecto enviado polo concello de Lugo foi validado, en todos os seus termos, polo Ministerio de Fomento e quedou sen executar por falta de finanzamento tras a chegada do PP ao goberno do estado.
Abraira responsabilizou ao Alcalde de Lugo e ao responsable local do PSOE lucense de permitir que un concelleiro socialista utilice a mentira para tratar de descalificar a xestió
n do BNG na área de infraestruturas. O actual concelleiro da área de infraestruturas, X. M Chaín, acusou, no pasado pleno da corporación, a Paz Abraira de perder o finanzamento para as obras de humanización da Praza do Agro do Rolo por ter enviado o proxecto a Madrid redactado en galego.
Paz Abraira explicou que o mesmo día en que asumín a responsabilidade da Área de Infraestrutura reunín a todo o persoal da área para comunicarlles que a miña vontade, como concelleira do BNG, era que todos os escritos que saisen da área fosen redactados en galego, tal e como establece a Lei de Normalización Lingüística e a normativa propia do concello de Lugo e engadiu que obviamente os escritos que ían para fora de Galiza ían redactados en galego e coa súa correspondente tradución ao idioma do lugar de destino. As instrucións dadas pola concelleira do BNG daban cumprimento ás normas do que nos temos dotado e en defensa coherente e consciente do idioma deste país.
A responsabilidade política do que aconteceu no pleno do luns téñena o alcalde de Lugo e o responsable local do PSOE lucense, Luís Álvarez, por permitirlle a un concelleiro do PSOE mentir, por amparalo nas súas mentiras, por cuestionar a actuación dos funcionarios municipais, por trasladar unha información sesgada, falsa e torticeira do labor do BNG ao frente das áreas nas que tivo responsabilidades no periodo no que estivemos no goberno municipal dixo Paz Abraira e lembrou que o BNG abandonou o goberno por razóns de sobra coñecidas, non houbo en ningún momento enfrentamentos co PSOE por este proxecto nin por outros.
O BNG actuou e actuará, sempre, de maneira coherente e vai esixir queo idioma galego sexa o idioma de uso oficial obrigatorio en todas as administracións públicas. A edil nacionalista sinalou que ata os propios funcionarios do Ministerio en Madrid recoñecen que a documentación debe de ir redactada, obviamente, en galego. Abraira referiuxe ao proxecto da praza do Agro do Rolo loxicamente ía redactado nos dous idiomas e afirmou que en ningún caso se perdeu ningún proxecto pola xestión do BNG e moito menos por unha cuestión idiomática.
A voceira do BNG suxeriulle ao Sr. Chaín que faga o seu traballo que é moito, xa que nunca tantos cartos tivo, que respete aos traballadores municipais e que asuman as súas responsabilidades López Orozco e Luís Álvarez por manter a unha persoa destas características á fronte dunha das áreas máis importantes do concello de Lugo.
A secuencia
O 9 de maio de 2011, antes das eleccións nas que o BNG accedeu ao goberno, Orozco presentaba na praza Agro do Rolo o proxecto que xa estaba feito. O 15 de setembro de 2011 a Xunta de Goberno Local dalle o visto bo, por urxencia, ao proxecto que estaba redactado pero non aprobado. Indicar que o proxecto non se presentou a ningunha liña de subvencións públicas se no que foi froito dun acordo político entre o PSOE no concello de Lugo e o Ministerio de Fomento, naquel momento dirixido polo socialista lucense José Blanco. Acordo feito en época eleitoral no que o concello de Lugo lle remitía o proxecto ao Ministerio de Fomento que se facía cargo das obras que estaban valoradas en máis de 300.000 euros. O proxecto incluía unha demanda dos veciños, que o BNG presentou e abandeirou, que era contar cun parque infantil cuberto na zona urbana.
Feitos todos os trámites, o día 22 de novembro do 2011 a oficina de supervisión de proxectos do Ministerio de Fomento envia un escrito ao concello de Lugo no que se fan unha serie de consideracións e se pide a corrección de varias cuestións administrativas e técnicas. Este escrito está asinado por diversos cargos do Ministerio cos que a Área de Infraestruturas do concello de Lugo, a través dos funcionarios, manterá os contactos a partir deste momento. O 5 de decembro de 2011, posteriormente á comunicación do ministerio, traballadores-funcionarios da Área de Infraestruturas do concello de Lugo remiten un correo electrónico á persoa de contacto no Ministerio comunicando que foron enviados todos os documentos que se requerían no escrito do 22 de novembro. O 9 de decembro de 2011 a subdirectora xeral de arquitectura, Anabel Valbuena, respondelle á Área de Infraestruturas do concello de Lugo requerindo unha serie de modificacións.
Tras as eleccións estatais os funcionarios do servizo de enxeñería do concello de Lugo contactan periodicamente coa responsable técnica do ministerio e esta envía un correo o día 15 de febreiro de 2012 no que di textualmente el día 21 de diciembre se emitió el informe favorable de supervisión y la aprobación técnica de la secretaría de estado. Se ha enviado al servicio de contratación y con el cambio (enténdese de goberno) a la directora general y al subdirector. En principio este proyecto sigue adelante y está tramitándose la fase de licitación en los plazos establecidos.
O 10 de abril de 2012 a subdirectora xeral de arquitectura, Anabel Valbuena remite outro correo ao servizo de enxeñería, cando o BNG xa non tiña responsabilidades de goberno que di: ahora mismo se están intentado desatascar todos los proyectos que tenemos pendientes. Que esta decisión dependerá, en principio, de la directora general y puesto que esta actuación ya cuenta con proyecto supervisado tendrá más posibilidades .. O 25 de maio de 2012 a subdirectora xeral de arquitectura, Anabel Valbuena contesta a outra pregunta realizada dende o servizo de enxeñería do concello de Lugo responde voi a preguntar a mis superiores para que en cuanto me digan algo manteneros informados.