O BNG LEVOU AO PARLAMENTO A SITUACIÓN DOS TRABALLADORES DA EMPRESA DE SEGURIDADE ALCOR
O BNG reclama que, de non cumprirse o contratado, a Consellería rescinda de xeito inmediato o contrato coa empresa Alcor Seguridad S.L.
Cosme Pombo presentou unha iniciativa para instar á Xunta de Galiza para que exerza o control no que atinxe aos dereitos dos traballadores igual que fixo a Deputación de Lugo
Lugo, 7 de marzo, 2013. O parlamentario do BNG, Cosme Pombo, defendeu unha iniciativa en comisión parlamentar para demandar que a Xunta de Galiza que exerza o control do cumprimento do Contrato que ten asinado coa empresa Alcor Seguridad S.L. no que atinxe aos dereitos dos traballadores. O BNG reclama tamén, por medio desta proposición non de Lei, que de non cumprirse o contratado, A Consellería rescinda de xeito inmediato o mesmo coa empresa Alcor Seguridad S.L.
Cosme Pombo relatou como a empresa Alcor S.L. conseguiu a adxudicación do servizo de vixilancia e seguridade da Biblioteca Pública de Lugo, Museo do Castro de Viladonga (Lugo) e Cidade da Cultura en Compostela e unha vez adxudicado o servizo de seguridade a Alcor S.L., esta empresa asinou un convenio colectivo de empresa que modifica e reduce substancialmente as condicións económicas e laborais d@s traballadores/as que prestan servizos nos centros de traballo onde se licitaban os servizos de seguridade a que nos estamos a referir. A empresa incrementou a xornada laboral que pasou de 1.728 horas a 1.826 horas e aplicou unha redución salarial mensual de 300 por empregado (entre un 30 e un 40% do salario).
Para o BNG tratase dun caso claro de enriquecemento inxusto por parte da empresa que non paga aos seus traballadores/as conforme as cláusulas estipuladas. Pombo afirmou que este tipo de situacións prodúcense grazas á reforma laboral do PP, mentres as empresas manteñen os seus contratos e incrementan os seus beneficios, os seus traballadores perden dereitos laborais e parte do seu salario.
Un antecedente na Deputación de Lugo
Cosme Pombo lembrou que esta Empresa viu rescindido o seu contrato na Deputación Provincial de Lugo, tras unha denuncia da CIG, por variar as condicións sociolaborais dos traballadores unha vez conseguido un contrato cunha administración pública e non respetalo.. Alcor reducira un 40% o salario do persoal ao servizo da Deputación Provincial de Lugo non respetando o dereito de subrogación ao convenio estatal de seguridade privada.