O BNG DE LUGO DENUNCIA O USO DA IMAXE DA MULLER COMO MERCADORÍA NAS RÚAS DA CIDADE

O BNG DE LUGO DENUNCIA O USO DA IMAXE DA MULLER COMO MERCADORÍA NAS RÚAS DA CIDADE

A concelleira Paz Abraira solicita ao Concello que regule a publicidade en vías públicas da cidade

O Pleno do Concello xa aprobou no mes de marzo redactar unha ordenanza de uso da publicidade en vía pública

LUGO, 10 de xullo de 2013.

  A nacionalista Paz Abraira denunciou hoxe en rolda de prensa a publicidade que en diferentes rúas da cidade está a utilizar a imaxe da muller como reclamo. A concelleira utilizou material fotográfico realizado en diferentes zonas da cidade como mostra, entre elas a Avenida da Coruña e a de Madrid.

A concelleira  do BNG no Concello de Lugo Paz Abraira,  demandou ao goberno municipal do Concello de Lugo que se poña a traballar na regulación da publicidade nos espazos públicos da cidade. A nacionalista recordou que en marzo deste mesmo ano o Pleno municipal aprobou, cos votos en contra do PP, unha proposición do BNG que incluía o mandato ao concello de elaborar unha ordenanza reguladora da publicidade que garanta que non se poida denigrar a imaxe da muller, nin empregala como reclamo publicitario. “Agardamos que o goberno municipal se poña a traballar en serio neste tema, xa que senón o BNG levarao ao primeiro Foro de Igualdade que se convoque”

“Violencia contra as mulleres tamén é o uso da súa imaxe con fins publicitarios, e polo tanto as administracións non poden consentir este tipo de actuacións” declarou a concelleira. Insistiu en que “non se pode facer a vista gorda, nunha sociedade democrática e que persigue a igualdade entre todas e todos, ante a utilización da imaxe da muller como se dunha mercadoría se tratase”. Lembrou, ao fío deste tema, como se acaba de organizar unha carabana de mulleres en Castropol e que xa hai en Galiza, en Carnota concretamente, anuncios de organizar un deste eventos. “Estes eventos, igual que a publicidade a que acabo de facer mención, profundizan nunha cultura machista e non igualitaria”, concluíu. 

O BNG DE LUGO DENUNCIA O USO DA IMAXE DA MULLER COMO MERCADORÍA NAS RÚAS DA CIDADE