O BNG PEDIRÁ A DIMISIÓN DO PRESIDENTE DE SOGAMA NO VINDEIRO PLENO DO CONCELLO DE LUGO

O BNG PEDIRÁ A DIMISIÓN DO PRESIDENTE DE SOGAMA NO VINDEIRO PLENO DO CONCELLO DE LUGO

luis-lamasO BNG exixe retirar o incremento do canon de Sogama aos concellos e unha fonda revisión do Plan de Xestión de Residuos

Os nacionalistas queren que non se constrúa unha nova incineradora e que se desenvolvan proxectos comarcais de reciclaxe e compostaxe

LUGO, 19 de novembro de 2013. O BNG defenderá no vindeiro pleno do Concello de Lugo unha moción para 'exixir a retirada do incremento do canon de Sogama que o goberno do PP na Xunta quere aplicar en 2014 e que suporía un incremento de preto do 34% aos concellos, pasando de 56 a 75 euros por tonelada tratada de lixo, sen contar o IVE. Un incremento que no caso do Concello de Lugo suporá máis de 700.000 euros anuais  Antón Bao, que asisitiu onte á reunión celebrada en Santiago por alcaldes, concelleiros e grupos municipais da práctica totalidade dos concellos do país, sinalou que o BNG levará ao pleno do Concello de Lugo os acordos acadados nesta xuntanza entre os que se encontra solicitar a demisión do Presidente do Consello de Administración de SOGAMA.

Segundo Antón Bao “o goberno do PP na Xunta quere cargarlle á cidadanía novamente o recorte que o Goberno central do PP decidiu sobre as tarifas para percibir pola coxeración eléctrica”. Desta maneira, ante a caída de ingresos que sufrirá SOGAMA pola xeración de enerxía, óptase por este incremento para cargarlle as perdas á cidadanía. Así fan posíbel que Sogama teña no 2014 uns beneficios proximos aos 10 millóns de euros”. Bao lembrou que “SOGAMA é unha empresa pública de todos os Galegos e Galegas” e que “Luis Lamas, por moito que cobre, non debe buscar beneficios para unha empresa que non é da súa propiedade”

O voceiro do BNG, remarcou que 'este feito vén a confirmar as denuncias do BNG sobre o fracaso do proxecto Sogama e o Plano de Residuos implantado polo PP na Xunta de Galiza, que defende a incineración, sen ter en conta a redución, a reutilización directa e a reciclaxe de residuos, a compostaxe, e a proximidade no tratamento, máis sustentábel ambientalmente e de menores custos. Ademais, no complexo de Sogama nin sequera unha porcentaxe significativa dos residuos se valorizan ou se reciclan, senón que simplemente se enterran'.

Engadiu que 'os sucesivos gobernos do PP na Xunta tiveron empeño en impedir a existencia de plans alternativos como o iniciado no Morrazo, que foi desmontado por gobernos municipais do PP ou o que se desenvolve na Mancomunidade da Barbanza, a pesar do PP,  que puxo trabas, impedindo axudas nas condicións que tivo Sogama. A Barbanza e O Morrazo son modelos que priorizan a reciclaxe e compostaxe e mostran custos máis sensatos, para alén de crear máis emprego directo. De feito, a transformación de modelo de xestión dos RSU da Xunta de Galiza podería supoñer uns 2.000 novos postos de traballo con base en proxectos de comarcalización, cun menor custo ambiental e redución do custo de transporte'.

Finalmente, Antón Bao dixo que 'hai que revisar o Plan de RSU Galiza 2010-2020, eliminando a previsión de construír un nova incineradora e apoiando un modelo que supere Sogama, mediante proxectos comarcais de reciclaxe e compostaxe, que posibilite a creación de emprego e alcanzar os obxectivos e recollida selectiva e reciclaxe dos modelos en funcionamento máis avanzados'.

O BNG PEDIRÁ A DIMISIÓN DO PRESIDENTE DE SOGAMA NO VINDEIRO PLENO DO CONCELLO DE LUGO