O BNG pediralle ao Concello de Lugo solucións para a beirarrúa da estrada vella de Santiago

O BNG pediralle ao Concello de Lugo solucións para a beirarrúa da estrada vella de Santiago

“Os barrios tamén son do Concello de Lugo e non poden quedar sempre no esquecemento” afirmou Rubén Arroxo.

 

Lugo, 29 de xuño 2016. O voceiro do BNG-AA no concello de Lugo, Rubén Arroxo, visitou o barrio da Ponte á altura dos números 71 e 73 da Estrada Vella de Santiago, onde dende hai meses se atopa a beirarrúa afundida e cortada, obrigando aos peóns a camiñar pola calzada. O concelleiro nacionalista lamentouse do abandono que sofren determinados barrios de Lugo, como se pode observar neste caso, onde as persoas non dispoñen dunha zona para camiñar de forma segura “os barrios tamén son do Concello de Lugo e non poden quedar sempre no esquecemento” afirmou Rubén Arroxo. Despois de seren desatendidas queixas veciñais a respecto desta situación, o grupo do BNG comprometeuse a presentar unha solicitude formal ao goberno municipal para que leve a cabo unha solución para esa beirarrúa “agardando que non haxa que deixar pasar outros tanto meses ata que se tome a decisión de actuar” explicou o voceiro do BNG.

barrio da ponte 1

Dende o grupo municipal acentuaron tamén o perigo existente tanto para peóns como para vehículos, e máis nunha época como esta na que son moitos os coches que diariamente se desprazan por esa vía en dirección ao Club Fluvial “Cómpre lembrar que neste barrio e en concreto nesta rúa vive un importante número de persoas maiores, moitas delas con mobilidade reducida, polo que por seguridade urxe darlle unha solución a este paso”. O portavoz nacionalista tamén fixo fincapé en que o valado posto dista moito da protección que debe existir para salvar unha caída duns 3 ou 4 metros que se dá en dito punto

O BNG pediralle ao Concello de Lugo solucións para a beirarrúa da estrada vella de Santiago