O BNG PIDE QUE SE AXILICEN AS OBRAS DA PONTE DO MERA EN ORBAZAI
Para o BNG é un despropósito que se deixe a execución deste tipo de obras para a época de máis chuvias de ano
A voceira do BNG criticou ao Goberno Municipal por non ter habilitado vías de acceso alternativas para os veciños de Orbazai despois de que se lles advertira cando estaban a tempo de facelo
Lugo, 16 de outubro 2014. O BNG presentou unha serie de preguntas dirixidas ao goberno municipal para clarificar as razóns dos retrasos na execución das obras da Ponte sobre o río Mera, na parroquia de Orbazai. A voceira do BNG no concello de Lugo sinalou que unha vez iniciadas as obras de arranxo da ponte sobre o río Mera veciños e veciñas denuncian a escaseza de traballadores e os nulos avances da obra. Os nacionalistas solicitarán información para saber cal é o estado de execución da obra sobre a Ponte do Mera, en Orbazai.
Outra das preocupacións veciñais, explicou Abraira é saber se a adxudicataria vai cumprir os prazos de execución despois de que o goberno local demorara o comenzo das obras e deixara pasar o verán que sería a época propicia para acometer uns traballos deste tipo. Paz Abraira lembrou que as obras estaban previstas para o verán pero a incompetencia do goberno municipal do PSOE permitiu que chegaramos a esta sitación.
Paz Abraira lembroulle ao concelleiro responsáble do medio rural que en Lugo no outono e no inverno chove e lamentou a súa ineptitude e incapacidade por non ter previsto esta circunstancia cando se planificou a execución das obras da ponte sobre o Mera. Abraira advertiu que esta mesma incapacidade quedará demostrada cando non sexan capaces de executar todas as obras que o PSOE amañou co PP para facer un lavado de cara antes das eleccións municipais.
Vías alternativas para os veciños
O BNG tamén demandou información para saber se o Goberno municipal vai adoptar algunha medida para garantir que o camiño que une a parroquia de Orbazai coa estrada de Santiago, na zona da Louzaneta, se vai poder usar durante estes meses. O arranxo deste camiño fora un compromiso, adquirido nunha comisión, do concelleiro de Medio Rural despois de que o BNG denunciara o mal estado desta vía de comunicación no pasado mes de setembro.