O BNG PIDE QUE OS REMANENTES DO CONCELLO SEXAN PARA CREAR EMPREGO E ATENDER AS NECESIDADES DA XENTE

O BNG PIDE QUE OS REMANENTES DO CONCELLO SEXAN PARA CREAR EMPREGO E ATENDER AS NECESIDADES DA XENTE

Alexandre Penas dixo que “as administracións teñen que atender á xente e esta debería ser a súa principal prioridade nestes momentos”

LUGO, 15 de maio de 2013. O BNG acordou, na xuntanza do seu consello local, que reclamará do goberno municipal que os fondos dos remanentes se destinen á creación de emprego e tamén a atender as necesidades das persoas. O responsable local Alexandre Penas dixo que “as administracións teñen que atender á xente e esta debería ser a súa principal prioridade nestes momentos”. O consello local do BNG ratificou a súa posición a respecto de que as administracións fagan aportacións extraordinarias a clubes deportivos que se converten en SAD.

O BNG trasladará en breve unha serie de propostas ao goberno municipal para que os fondos dos remanentes orzamentarios do concello vaian dirixidos a plans que potencien a creación e o mantemento dos postos de traballo no concello de Lugo. Outra das accións que o concello deberá acometer, segundo o BNG, será a de destinar recursos a cubrir as necesidades das persoas que precisan de axuda.

O incremento dos recursos para atención social é un dos obxectivos fundamentais que o BNG quere que se materialice a través destes fondos extraordinarios de remanentes. Nos últimos tempos a demanda de axuda social incrementouse dun xeito máis que notable, e por iso que “o BNG quere que o Concello incremente proporcionalmente os recursos económicos dedicados a emerxencia social para atender as necesidades da xente que sofre as consecuencias desta crise económica” indicou Alexandre Penas.

Plan de impulso económico e de creación de emprego.

Outro dos eixes que o Consello Local do BNG analizou como importante á hora de definir actuacións futuras do Concello de Lugo son as insostibles cifras de desempregados que existen en Lugo e a necesidade de apoiar á pequena empresa lucense. Estes dous asuntos deben merecer segundo o BNG a atención dende o Concello que, aínda tendo competencias limitadas neste eido, debe procurar recursos e medios para palialo.

Neste sentido, “o BNG pulará por que o concello poña en marcha un plan de incentivo económico á contratación e de axuda ao mantemento da estrutura de pequenas empresas e autónomos do Concello de Lugo.”, explicou o Responsable Local do BNG.

O Concello debe ineludiblemente axudar tamén ao sector da pequena empresa lucense para evitar que continúe afundíndose e que se sigan destruíndo postos de traballo.

Para o Consello Local do BNG estas son as verdadeiras prioridades que debe afrontar o Concello e agarda que o resto de forzas políticas tamén apoien unanimemente estas propostas.

O BNG PIDE QUE OS REMANENTES DO CONCELLO SEXAN PARA CREAR EMPREGO E ATENDER AS NECESIDADES DA XENTE