O BNG VOTA EN CONTRA DE QUE A DEPUTACIÓN APOIE CON 900.000 EUROS A CONVERSIÓN DO LUGO EN SAD

os deputados do BNG votando
O BNG VOTA EN CONTRA DE QUE A DEPUTACIÓN APOIE CON 900.000 EUROS A CONVERSIÓN DO LUGO EN SAD

Mario Outeiro afirmou que “para o BNG existen outras prioridades neste contexto de emerxencia social”

O BNG nunca se mostrou partidario de que as institucións públicas entren no accionariado das Sociedades Anónimas Deportivas

Lugo, 20 de maio de 2013.  O Grupo do Bloque Nacionalista Galego (BNG) na Deputación Provincial de Lugo votou no pleno da Deputación en contra de outorgar 900.000 euros ao CD Lugo para a súa conversión en Sociedade Anónima Deportiva, nunha proposta que saíu adiante cos votos a favor do PP e o PSOE. Os deputados do BNG, Mario Outeiro e Antonio Veiga, votaron en contra dunha medida á que o BNG sempre se opuxo, porque para o BNG as institucións públicas non deben ser accionistas de empresas deportivas como son as SADs.

O portavoz do BNG na Deputación, Mario Outeiro, argumentou a votación en contra do BNG en que “analizando o contexto socioeconómico no que nos atopamos, no cal o drama do paro está a provocar situacións terribles no conxunto da cidadanía: situacións de extrema pobreza, desafiuzamentos, carencias en consumo de alimentos, xunto á política de recortes en servizos esenciais aplicados polos gobernos do Partido Popular, fan difícil entender que algunhas administracións públicas dediquemos unha porcentaxe máis que importante dos nosos recursos a crear unha Sociedade Anónima Deportiva. o BNG foi sempre coherente en canto ao dito con anterioridade con varias iniciativas nos distintos parlamentos, accións de goberno distribuídas a nivel xeográfico e temporal e declaracións recollidas en todos os medios do país. Concretamente salientaría o firme posicionamento en contra da entrada das administracións públicas nas Sociedades Anónimas Deportivas. Isto non só se defendeu noutros lugares de Galiza senón tamén en Lugo agora e antes”.

Mario Outeiro defendeu a coherencia do BNG votando en contra desta proposta, e recordou que “desde que o BNG entrou na Deputación de Lugo tivo claro o compromiso de ir abandonando o accionariado da SAD Breogán. En primeiro lugar iniciou un proceso de recorte paulatino da subvención nominativa para gastos de funcionamento. Por outra banda a toma de control da entidade a nivel económico e de xestión cunha implicación clara a nivel persoal tanto por Antón Bao como neste intre por Antón Veiga. Por último rematar de sanear a entidade para que nun proceso controlado, co fin de que a entidade siga a ser un referente deportivo na nosa cidade e no baloncesto estatal durante moitísimo tempo, a Deputación deixe de ser o accionista maioritario ata a súa saída completa”.

Para o BNG, incoherencia amósaa o PP, xa que segundo Mario Outeiro “resulta incomprensible que clubs de fútbol que invisten cantidades millonarias en fichaxes de futbolistas sigan engordando a débeda coa facenda pública e retrasando o seu pagamento. Non se pode pedir á sociedade que asuma grandes sacrificios, como está a facer o PP e, ao mesmo tempo, non darse por enterado do que ocorre no mundo do fútbol”.

Por último, Mario Outeiro afirmou que “aos responsables políticos non nos pode vencer o noso corazón de afeccionados. Eu sempre quero e vou querer o mellor para o Lugo, pero como responsable político teño que dicir que os cartos públicos son de todos e todas a lucenses, dos que nos gusta o fútbol e dos que non. Estamos vivindo desgraciadamente un tempo de crise económica. Vemos como os pequenos e medianos comerciantes están sufrindo para manter os seus negocios. Asistimos nas rúas da nosa cidade a manifestacións de traballadores e traballadoras reclamando o mantemento dos seus postos de traballo. Diante disto os políticos temos que ser valentes e non deixarnos levar por un certo populismo ou pola demagoxia. Se a pregunta é ¿hai que apoiar ao Lugo?, eu digo con rotundidade que si, ao igual que temos que apoiar aos distintos sectores que son tamén emblemáticos na cidade e a outros moitos equipos que levan anos esforzándose ao igual que o está a facer o Lugo. Sei que esta opinión pode parecer impopular nalgúns sectores da cidade, pero estou certo de que os pais e nais, os traballadores e traballadoras que van apoiar ao noso equipo todos os domingos e que pagan as súas cotas saben diferenciar claramente o límite entre entrar nunha sociedade anónima deportiva e o apoio que se lle pode dar ao club, como se fai con outros sectores, esixindo as xustas contrapartidas”.

O BNG VOTA EN CONTRA DE QUE A DEPUTACIÓN APOIE CON 900.000 EUROS A CONVERSIÓN DO LUGO EN SAD