O BNG PRESENTARÁ INICIATIVAS PARA QUE SE ACLAREN AS CIRCUNSTANCIAS DO ATROPELO DA PRAZA DO CAMPO
Os nacionalistas criticaron a falta de control sobre o tráfico nas zonas peonís ademais de pedir que se regulen acaidamente as zonas e horarios para a carga e descarg a
Paz Abraira lembrou que o BNG leva anos pedindo que a policía local realice as funcións que lle son propias como é o control dos movementos de vehículos no casco histórico
Lugo, 8 de xaneiro 2015. A voceira nacionalista no concello de Lugo, Paz Abraira, anunciou que o BNG presentará iniciativas no concello de Lugo para que se aclaren certos aspectos relacionados co atropelo, con resultado de morte, dunha persoa na praza do Campo. Trátase dunha zona peonil en pleno centro do casco histórico cun acceso restrinxido que debería estar controlado. Ademais Abraira sinalou que o Goberno municipal ten que darse conta dunha vez que as zonas peonís son para as persoas e non para os vehículos.
Para o BNG resulta absolutamente dramático que, nunha cidade como Lugo, cun casco histórico peonalizado, non exista unha maior seguridade para evitar sucesos que non teñen xustificación nunha zona con tráfico restrinxido. Abraira dixo que confía en que o concello adopte todas as medidas necesarias e de maneira urxente para garantir que este tipo de feitos non se repitan. O BNG leva insistido moito en que as zonas peonís son para as persoas e os vehículos que realizan movementos por estas rúas deben estar controlados, identificados e facelo a velocidades axeitadas ás características do casco histórico.
Abraira dixo que é necesario realizar un estudo serio e rigoroso sobre o sistema de carga e descarga no casco histórico. A edil do BNG dixo que o concello deberá regular acaidamente as zonas para a carga e descarga. Abraira dixo, tamén, que se debería controlar a velocidade á que circulan os vehículos polo casco histórico e as zonas peonís da cidade, pois non pode ser que as persoas teñan que vixiar e andar coas mesmas precaucións cando camiñan polas zonas peonís que cando cruzan rúas que soportan tráfico rodado. Abraira lembrou que hai que protexer ás persoas nos tramos peonís por que son para o goce dos cidadáns.
Policía Local
Paz Abraira lembrou que o BNG leva anos pedindo que a policía local realice as funcións que lle son propias e engadiu que vemos como o Goberno municipal utiliza e paga produtividades aos policías para que escolten aos traballadores das empresas privadas mentres os vehículos circulan sen control por zonas peonís da cidade sen que ninguén faga nada. Abraira dixo que tampouco se fan controis sobre o peso dos camións de reparto que transitan polo casco histórico destrozando o adoquinado de moitas das prazas da cidade.