O BNG PRESENTOU UNHA SERIE DE PREGUNTAS AO GOBERNO MUNICIPAL SOBRE A FOLGA DO LIXO
O BNG quere saber cales foron as medidas que o goberno municipal adoptou ante a empresa Urbaser polo seu incumprimento de contrato e se valorou a posibilidade de rescisión de contrato
Paz Abraira cuestionou a excesiva presenza policial diante o concello e que se destine aos bombeiros a limpar as rúas da cidade
Lugo, 16 de xuño 2014. O BNG presentou unha serie de preguntas ao goberno municipal en relación á folga de recollida do lixo mantida por traballadores e traballadoras da empresa Urbaser. Os nacionalistas demandan coñecer cales foron as medidas adoptadas polo goberno municipal ante a empresa Urbaser polo seu incumprimento de contrato de recollida de lixo no concello de Lugo. O BNG tamén se dirixiu ao goberno local para saber se valorou en algún momento a posibilidade de rescindir o contrato coa empresa Urbaser.
En relación á folga dos traballadores e traballadoras da empresa concesionaria da recollida do lixo no concello de Lugo o BNG quere saber por que o goberno municipal no aceptou a proposta dos traballadores de Urbaser que se ofrecían por escrito a retirar o lixo dos puntos indicados por sanidade. Ademais dende o BNG tamén se interesaron por saber quen determina e en base a que criterios os puntos onde a empresa Tragsa está a retirar o lixo.
Paz Abraira tamén cuestionou que se encargue a un servizo como o de bombeiros a tarefa de baldear as rúas. A voceira nacionalista cuestionou a excesiva presenza policial diante o concello. Non é normal que se manteña a máis de media dúcia de policías locais e dous coches patrulla diante do concello durante toda unha mañá dixo Paz Abraira que lembrou as dificultades coas que se atopan os cidadáns cando reclaman a presenza policial nos distintos barrios e zonas do concello.