O BNG RECLAMA A SUPRESIÓN DE BARREIRAS NAS PRAZAS PARA DISCAPACITADOS DA RÚA MONDOÑEDO
Dúas zonas verdes dificultan o acceso aos vehículos dende a beirarrúa
O movemento de persoas nestas prazas de aparcamento é constante debido á proximidade dunha clínica de rehabilitación
Lugo, 11 de febreiro de 2014. A voceira municipal do BNG, Paz Abraira, anunciou que o seu grupo presentará unha iniciativa no concello de Lugo para solicitar a supresión dos elementos que, neste momento, dificultan o acceso aos vehículos que estacionan nas prazas discapacitados na rúa Mondoñedo. Estas dúas prazas para discapacitados son habitualmente utilizadas polas persoas que reciben tratamento nunha clínica de rehabilitación próxima. A existencia de dúas zonas verdes na beirarrúa constitúen un impedimento para o acceso aos vehículos estacionados.
Varios usuarios destas prazas de aparcamento plantexaron a necesidade de que o concello reconsidere o deseño desta beirarrúa. A preocupación incrementouse cando, no día de onte, foron plantadas dúas árbores que incrementan as dificultades dos usuarios destas plazas de aparcamento. Segundo a voceira nacionalista o BNG está dacordo con que se replanten árbores e se manteñan zonas axardinadas nas beirarrúas pero consideramos que se debe prestar unha especial atención ás persoas en casos como este.