O BNG reclama un xulgado específico de violencia de xénero para Lugo
Os nacionalistas presentarán iniciativas nos Concellos, no Parlamento Galego e na Deputación
Lugo é unha das cidades galegas que non conta con este xulgado específico
Lugo, 3 de febreiro de 2016. O BNG reclamará ante as institucións a creación dun xulgado específico de violencia de xénero para Lugo. Esta demanda será plantexada ante todas as institucións así o explicaron en rolda de prensa Maite Ferreiro, edil do BNG-Asembleas Abertas no concello de Lugo, Xosé Ferreiro, voceiro do BNG na Deputación de Lugo e Cosme Pombo, parlamentario do BNG. É unha demanda que parte de diferentes colectivos de mulleres explicou Maite Ferreiro e dixo que tamén compre dotar aos xulgados dunha quenda avogados e avogadas de oficio explicou que neste momento non hai quenda específica con profesionais para atender este tipo de casos.
Este xulgado terá que dar atención a mulleres de toda a provincia, para que estes casos teñan un tratamento axeitado. Maite Ferreiro precisou que aínda que esta decisión depende do Consello Xeral do Poder Xudicial, ten que ser a Xunta de Galiza quen faga as xestións necesarias para que esto sexa posible e é fundamental o apoio das administracións locais. A edil nacionalista lembrou as disparatadas cifras dos casos de violencia de xénero.
Neste momento unicamente as cidades de Vigo e Coruña dispoñen de xulgado específico de violencia de xénero. A posta en marcha deste xulgado en Lugo podería dar cobertura a toda a provincia e compre unha dotación mínima de persoal que inclúe as figuras de xuíz, fiscal, forense, secretario e funcionariado adscrito. Segundo informou Maite Ferreiro este xulgado podería atender os casos de violencia: maltrato, acoso e custodia de menores, ademais do seguimento de ordes de alexamento antes e despois do xuízo. Neste momento é o xulgado de instrución nº3 é o que se encarga en Lugo deste tipo de casos aínda que a adxudicación da praza de xuíz foi por orde de traslado pero non se considerou a súa formación neste tema.
Pola súa banda, o parlamentario Cosme Pombo, anunciou que o BNG levará ao vindeiro pleno do Parlamento Galegao unha proposición para que a Xunta poña en marcha un plan galego que permita avanzar na eliminación da violencia de xénero. Pombo dixo que este plan recolle todas as aportacións que as asociacións de mulleres presentaron e ten que contar coa dotación orzamentaria necesaria para efectivizalo.
Cosme Pombo incidiu en que o BNG fará o necesario para que se modifiquen todos os artigos necesarios na lexislación vixente para que sexa posible a inclusión do termo Feminicidio e explicou que este termo fara que se considere que este tipo de asesinatos se producen contra as vítimas polo único feito de se mulleres. Ademais a proposta do BNG pretende que se contemple que a administración de xustiza vai recibir medios humáns, materiais e técnicos para a debida atención ás vitimas da violencia machista. Outro dos apartdos da proposta esixe a formación específica, en materia de violencia de xénero, para todo o persoal dos xulgados que teña participación nos procedementos relacionados con este tema.
Xosé Ferreiro anunciou que levará ao pleno da Deputación unha iniciativa encamiñada a que Lugo conte cun xulgado específico de violencia de xénero. Para o voceiro do BNG na Deputación de Lugo sinalou que dende o BNG defendemos que ten que haber unha discriminación positiva para as mulleres vítimas de violencia de xénero, que se recoñezan as prestacións por desemprego, que poida reorganizar o tempo de traballo e que teña dereito a unha mobilidade xeográfica ademais do dereito aos permisos necesarios. Ferreiro precisou que cando unha muller denuncia esto leva consigo unha revolta na súa vida e, en moitos casos, quedan a expensas da caridade das súas familias.