Celebrouse un encontro en Lugo de cara ao relanzamento do BNG
O proceso ADIANTE servirá para recuperar o pulso social, ensanchar a base social do nacionalismo e actualizar o discurso do Bloque
Militantes, simpatizantes e persoas interesadas nun futuro para o nacionalismo compartiron ideas e análise no encontro que tivo lugar en Lugo
Lugo, 3 de maio de 2016. Celebrouse un encontro en Lugo de cara ao relanzamento do BNG co obxectivo de relanzar o proxecto nacionalista. Así se determinou que, no prazo máximo dun ano, porase a punto o proxecto político con tres grandes obxectivos: actualizar o discurso do Bloque nun momento en que consideramos que o nacionalismo é máis necesario que nunca; segundo, recuperar o pulso social e electoral para que o BNG sexa peza clave na derrota do PP e, en terceiro lugar, ensanchar a base social do nacionalismo, o BNG como casa común de todos e de todas as nacionalistas.
O BNG arranca a folla de ruta para o proceso de refundación baixo a denominación Proceso Adiante. O Proceso Adiante determinará que aspectos temos que corrixir e mellorar para ofrecer ao conxunto da sociedade galega un proxecto nacionalista renovado, reforzado que aspire absolutamente a todo, un proceso participativo e transparente ao que tamén se incorporen homes e mulleres que sen militar no BNG comparten que Galiza precisa un proxecto nacionalista forte.
Diferente polo contido e polo alcance, o Proceso Adiante arranca en abril coa celebración de máis dun cento de encontros abertos por todo o país e a posta a disposición da web www.adiante.gal para que calquera persoa poda realizar aportacións. Será un exemplo de transparencia no que todas as conclusións, documentación e resultados de votacións van estar dispoñibles neste portal para a súa libre consulta.
O proceso ADIANTE arrancou en abril
Tras a fase inicial de diagnose ao longo do vindeiro mes, o cronograma do Proceso Adiante segue cunha actualización da radiografía de Galiza tras oito anos de crise, e a reformulación da estratexia do Bloque como ferramenta política, para finalizar o proceso de refundación establecendo cal debe ser o modelo organizativo e de participación. O Proceso Adiante ten unha formulación flexible en función da data final das eleccións galegas e dunha previsible repetición das eleccións xerais, e xa traballa no calendario para a elaboración de programa e conformación de candidaturas coa perspectiva de fortalecer un proxecto nacionalista máis necesario ca nunca para ser antídoto ás políticas centralistas que tanto dano teñen causado. O Bloque traballará para sumar e acumular forzas, de cara aos comicios galegos, para conformar unha candidatura nacionalista que sexa clave na derrota do PP.