CONCENTRACIÓNS CONTRA A POLÍTICA DO PP EN MATERIA DE INCENDIOS FORESTAIS

CONCENTRACIÓNS CONTRA A POLÍTICA DO PP EN MATERIA DE INCENDIOS FORESTAIS

A concentración en Lugo tivo lugar diante da sede da Xunta

O BNG pide a “dimisión inmediata” do conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández

LUGO, 10 de setembro de 2013. O BNG convocou na tarde de hoxe unha concentración contra a política, que en materia de incendios forestais, está a levar o goberno do PP na Xunta. Esta oncentración celebrouse en todas as cidades galegas e en Lugo tivo lugar diante do edificio administrativo da Xunta. A dirección do Bloque Nacionalista Galego pon de manifesto “o seu fondo pesar pola destrución do Monte Pindo nun incendio aínda non extinguido, que vén sumarse aos de Negreira, Porto do Son e a Fonsagrada, e que devorou, só nun día, máis de mil hectáreas”.

Tras anos demandando a catalogación do Monte Pindo como Parque Natural, o goberno galego negouse a asumir as demandas cidadás e agora podemos ver as consecuencias da falta de investimento e de protección dun espazo único que nin a Xunta nin a Administración central están a protexer polo que o BNG pide a “dimisión inmediata” do conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández.

Todo isto acontece despois dun agosto inzado de incendios cun incremento importante de niveis 1 e con serio perigo para a poboación pola proximidade a núcleos habitados, en que en ocasións foi a propia veciñanza a que tivo que impedir que o lume chegase ás casas. Fronte a esta situación dramática, a conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, comparecía hai poucos días no Parlamento para afirmar, como se dunha burla se tratase, que “o dispositivo funcionaba perfectamente”. O BNG emprázaa, a ela e ao presidente da Xunta, a daren explicacións públicas de en que consiste ese bo funcionamento e que van facer para paliar as consecuencias desta catástrofe.

O Bloque Nacionalista Galego leva tempo denunciando a falta dunha política forestal galega por parte do PP, que eliminou importantes medidas que se puxeran en marcha para a prevención e desenvolveu unha política de recortes nos servizos públicos cuxas consecuencias estamos a padecer. A política curtopracista do PP é unha auténtica ruína para os nosos montes e pon en risco a seguranza da cidadanía. A loita contra o lume comeza no inverno e require unha planificación constante de ordenación dos espazos forestais e de desenvolvemento dunha política de prevención agora inexistente. Cómpre, especialmente, controlar as terras agrarias e aplicar unha política de reactivación da actividade socioeconómica neste ámbito.

As concentracións convocadas foron as seguintes:

Santiago de Compostela, 20:00h., Praza do Toral

Vigo, 20:00h., diante do Museo Marco

Ferrol, 20:00h., Praza Amada García, diante do Edificio Administrativo da Xunta

A Coruña, 20:00h, no Obelisco

Verín, 20:00h., diante do Concello

Lugo, 19:30h., diante do Edificio Administrativo da Xunta

Ourense, 19:30h., Diante da Subdelegación do Goberno

CONCENTRACIÓNS CONTRA A POLÍTICA DO PP EN MATERIA DE INCENDIOS FORESTAIS