CREAREMOS APARCADOIROS GRATUITOS NAS SAíDAS DA CIDADE PARA AS PERSOAS QUE COMPARTEN VEHÍCULO
O Candidato do BNG-Asambleas Abertas dixo que dende o concello deben darse facilidades ás persoas que comparten coche para desplazarse a outras vilas ou cidades
Rubén Arroxo sinalou que dende o concello chegaremos a acordos con outras institucións ou propietarios privados para establecer estas zonas de aparcamento
Lugo, 22 de abril 2015. Rubén Arroxo anunciou hoxe o compromiso de crear, dende o concello, aparcadoiros gratuitos nas saídas da cidade. Segundo Arroxo estes aparcadoiros estarán principalmente destinados ao estacionamento dos vehículos das persoas que diariamente se desprazan a outras cidades ou vilas a traballar. O Candidato do BNG-Asambleas Abertas dixo que dende o concello deben darse facilidades ás persoas que comparten coche para desplazarse a outras vilas ou cidades e explicou que dende o concello chegaremos a acordos con outras institucións ou propietarios privados para establecer estas zonas de aparcamento.
Arroxo dixo que compartir coche entra dentro do modelo de políticas de mobilidade que defendemos dende a candidatura do BNG Asambleas Abertas e apostaremos por impulsar o transporte compartido, sexa cal sexa a súa moldalidade. O uso de vehículos compartidos supón un importante aforro ecónomico para as persoas que se teñen que desprazar a traballar lonxe do seu lugar de residencia e tamén, afirmou Arroxo, unha medida que contribue de xeito significativo á mellorar o medio ambiente.
O candidato do BNG AA visitou, acompañado da actual voceira do BNG no concello de Lugo, Paz Abraira, unha das zonas que son habitualmente usadas como punto de encontro por moitas persoas que saen de Lugo en dirección á Mariña e que está situada na N-640 baixo a ponte da A-6. Arroxo apuntou que xa existen lugares no entorno da cidade nos que a xente aparca na actualidade pero debemos de dar facilidades para garantir, tamén, a seguridade vial no entorno destes aparcadoiros.
O candidato do BNG-Asambleas Abertas sinalou que a nosa proposta supón a creación destes aparcadoiros estratéxicamente situados en cada unha das saídas da cidade, en lugares que sexan axeitados e accesibles e engadiu que dende o concello pódense acondicionar espazos nos diferentes polígonos industrias e chegar a acordos con organismos como o ministerio de fomento ou incluso con propietarios privados para acondicionar estas áreas de aparcamento.