Maite Ferreiro pediu a inclusión das asociacións na comisión da festa do Arde Lucus
O BNG-Asembleas Abertas propuxera, no mes de maio, a creación desta comisión para organizar a Festa do Arde Lucus e darlle maior transparencia e participación
Lugo, 19 de xullo 2016. A edil do BNG - AA no concello de Lugo, Maite Ferreiro, presentou unha proposta na comisión da festa do Arde Lucus para que todas as asocacións que participan activamente no Arde Lucus se inclúan na propia comisión e formen parte de activa da organización da festa. A próxima xuntanza celebrarase no mes de novembro, segundo informou Maite Ferreiro, e indicou que a inclusión das asociacións na comisión permitirán afrontar a organización do Arde Lucus 2017 máis aberto, participativo e transparente.
Ferreiro lembrou que a creación desta comisión foi unha proposta do BNG-Asembleas Abertas aprobada por unanimidade no pleno do mes de maio. A dimensión que acadou o Arde Lucus é suficiente razón para que se cree unha comisión da festa igual que ocurre co San Froilán dixo Maite Ferreiro e engadiu que para o ano vindeiro estaremos traballando dende todos os grupos e as asociacións ao cento por cento para mellorar esta festa da primavera lucense.
Para o BNG AA era necesaria a creación da comisión organizadora do Arde Lucus por que tanto polo número de visitantes como polo índice de participación, o Arde Lucus converteuse nunha das citas, xunto co San Froilán, máis importantes de Lugo e Galiza. Unha comisión na que participen todos os grupos e as asociacións enriquecerá a organización da festa e dará luz a unha xestión que ata agora dependeu unicamente do PSOE. Maite Ferreiro sinalou que existen moitos aspectos relacionados coa organización dos espectáculos, as contratacións das empresas, o gasto que supón para arcas municipais, e mesmo a seguridade dos espazos nos que se leva a cabo a festa, que deben ser controlados para manter unha festa que atrae a Lugo a milleiros de visitantes.