Maite Ferreiro reclamou unha xuntanza urxente da Mesa Técnica sobre violencia de xénero do concello
A edil do BNG-Asembleas Abertas lembrou que no ano 2010 a Xunta Local de Seguridade constituíu unha Mesa Técnica sobre violencia de xénero e que no ano 2013
En Lugo, nesta última semana, sucederon cousas que nos obrigan a analizar como estamos actuando dende as institucións afirmou Maite Ferreiro
Lugo, 1 de marzo de 2016. A edil do BNG Asembleas Abertas no concello de Lugo, Maite Ferreiro, instou ao goberno municipal a convocar de inmediato a Mesa Técnica sobre violencia de xénero. Maite Ferreiro dixo que todas as institucións teñen que analizar en que estamos fallando para que sucedan cousas como as que estamos a ver nestes días. A edil do BNG Asembleas Abertas lembrou que esta mesa técnica tiña como obxectivo reunir, cada tres meses, a todos os axentes implicados na prevención e tratamento dos casos de violencia de xénero.
A xunta local de seguridade, presidida polo Alcalde e o Subdelegado do Goberno en Lugo, constituíu no ano 2010 unha mesa técnica de violencia de xénero para a mellora da atención a vítimas de violencia de xénero, preténdese garantir, fomentar e implementar accións e fórmulas preventivas, xunto a unha atención de calidade. Maite Ferreiro lembrou, tamén, que no ano 2013 o concello contratou a redacción dun Protocolo de intervención interinstitucional para a prevención, detección e intervención en situacións de violencia de xénero.
Maite Ferreiro sinalou que en Lugo, nesta última semana, sucederon cousas que nos obrigan a analizar como estamos actuando dende as institucións e tendo en conta que as competencias neste tema están claramente delimitadas, hai que traballar conxuntamente para facer un seguimento da situación e colaborar para mellorar as actuacións específicas. Para o BNG-Asembleas Abertas está claro que as administracións non teñen a vontade clara de actuar coordinadamente.
A edil nacionalista afirmou que a administración local, en canto é a instancia mais próxima á cidadanía, configúrase cómo espazo privilexiado para a intervención con mulleres vítimas de violencia machista. Así mesmo, neste ámbito a coordinación supón un aspecto esencial da intervención, posto que, se partimos dunha actuación global e integral, esta só é posible coa estreita cooperación entre profesionais, facilitando unha atención eficaz, inmediata e que cubra a totalidade da rede de atención a persoas que sofren esta problemática.
Maite Ferreiro lembrou que na constitución desta mesa técnica as reunións da mesa serían convocadas pola Concellería de Igualdade e Benestar, cunha periodicidade trimestral, levantándose acta dos acordos adoptados e engadiu que é algo que non se está a cumprir. Tamén se podería reunir a mesa de forma extraordinaria sempre que o solicite calquera das institucións ou organismos representados, mediante convocatoria da Concellería de Igualdade e Benestar e iso é o que reclamamos hoxe afirmou Maite Ferreiro.