OS ORZAMENTOS DA XUNTA SON FICTICIOS, ELECTORALISTAS E DEIXAN A LUGO ABANDOADO
Lugo queda co HULA, a vella Residencia e o Cuartel de San Fernando como estaban, sen Plan Paradai, sen arranxo da Estación de Autobuses e sen Colexo para o Sagrado Corazón explicou Paz Abraira
Para o BNG trátase duns orzamentos que non atenden ás necesidades máis urxentes do país: recuperación económica, creación de emprego e mantemento dos servizos públicos
Lugo, 21 de outubro 2014. A voceira do BNG no concello de Lugo, Paz Abraira, cualificou o proxecto de orzamentos presentado polo PP para a Xunta de Galiza como uns orzamentos ficticios e electoralistas que deixan a Lugo abandoado. Para o BNG o PP, no goberno da Xunta, segue castigando ao concello e á provincia de Lugo. Abraira apuntou que estes non son os orzamentos que Lugo necesita para o ano 2015 por que están pensados coa vista posta nos comicios municipais e xerais e, finalmente, porque as prioridades non atenden ás necesidades máis urxentes do país: recuperación económica, creación de emprego e mantemento dos servizos públicos.
Paz Abraira dixo que estes orzamentos deixarán o HULA sen as dotacións necesarias e tan reclamadas pola cidadanía xa que non aparece ningunha partida destinada a este fin. Abraira explicou, tamén, que o Plan Paradai recibe somentes unha partida que escasamente chegará para rematar as obras xa iniciadas e, tal e como dixo o BNG, non hai previsión de acometer máis obras deste plan ademais tampouco hai partidas previstas para a rehabilitación do edificio do Cuartel de San Fernando nin para o edificio da antiga Residencia que continuará sen uso.
A edil nacionlista destacou que nin está previsto o remate do auditorio neste ano tal e como anunciará o que hoxe é alcalde de Santiago cando era conselleiro de infraestruturas, Paz Abraira explicou que aínda se contempla unha partida de máis de 1,7 millóns para o ano 2016. Lugo quedará tamén sen a necesaria remodelación integral da estación de autobuses, que fora demandada polo BNG, e para o novo colexo do Sagrado Corazón existe unha escasa partida de 45.000 explicou Paz Abraira.
Abraira explicou, tamén que son uns orzamentos ficticios porque parten dun suposto de crecemento económico do 2% que é inviable nun contexto no que o conxunto da UE non ve signos de recuperación senón que alerta sobre a recesión. Para o BNG estes orzamentos afondan no proceso que desmantela os servizos básicos e dan prioridade a gasto e obras en infraestruturas que teñen unha motivación electoral pero que non é o tipo de gasto urxente que precisa agora o país.
Electoralístas
Para o BNG trátase duns orzamentos claramente pensados de cara ás vindeiras eleccións locais que volven castigar a Lugo. Non compre facer unha análise moi profunda dos orzamentos para ver a grande cantidade de partidas previstas para investimentos no concello de Santiago que é un dos claros obxectivos do PP. Outro dos exemplos é a falta de partidas para Lugo destinados á creación de estacións intermodais de transporte que si están previstos para as cidades de Coruña, Vigo e Santiago.