O PP ERÍXESE, EN LUGO, COMO VALEDOR DE FLORENTINO PÉREZ E CRIMINALIZA A TRABALLADORES E SINDICATOS
Paz Abraira afirmou que o PP quérelle meter o medo no corpo á xente para que non reclame os seus dereitos laborais
Lugo, a 13 de agosto de 2014. A voceira do BNG no concello de Lugo, Paz Abraira, saíu ao paso das recentes declaracións do vice-voceiro do PP nas que atacaba ao goberno municipal por ter renunciado a posibles reclamacións aos traballadores polos efectos da folga. Para o BNG queda claro que o único obxectivo do PP é criminalizar aos traballadores e traballadoras e ás forzas sindicais que os representan. Paz Abraira afirmou que o PP no concello de Lugo pretende seguir a estratexia que lles marcan dende o goberno do estado e da Xunta quérelle meter o medo no corpo á xente para que non reclame os seus dereitos laborais.
Para o BNG resulta indignante que o PP se preocupe polas accións que o concello poida exercer contra os traballadores e non se preocupen para nada das accións que o concello tería que tomar contra a empresa Urbaser que non cumpriu cos servizos que os lucenses lles estamos a pagar cada mes. Esta claro que, dende o PP, queren asustar á xente para que non se mobilice e se conforme coa súa situación dixo Paz Abraira que acusou aos populares de pretender negarlle o dereito aos traballadores a poñerse en folga.
Abraira afirmou que os intereses do PP estiveron moi claros durante todo o proceso da folga de recollida do lixo en engadiu que a única finalidade do PP é cargar contra os traballadores e traballadoras que defenden os seus dereitos pero nunca contra a empresa de Florentino Pérez en engadiu que as conexións da empresa de Florentino co PP son sobradamente coñecidas en todo o estado.