VENCE PRESENTA EN LUGO O LIBRO NO QUE ANALIZA O FRACASO DA UNIÓN EUROPEA NEOLIBERAL
O catedrático de de Economía Aplicada da USC e portavoz nacional do BNG afirmou que a única saída que lle queda a Europa é afondar na federalización que garanta a soberanía das nacións que a conforman
Mario Outeiro sinalou que o nacionalismo sempre estivo en contra da entrada naquel Mercado Común Europeo, co que non se pode chamar oportunista ao BNG na súa crítica agora á Unión Europea á que toda a esquerda se suma ao carro
Lugo, 18 de decembro de 2013. Esta noitiña presentouse na Galería Sargadelos o libro do catedrático de Economía Aplicada na USC, e portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, e xunto ao propio autor do libro tamén estivo Mario Outeiro, portavoz do BNG na Deputación de Lugo e delegado de Cultura e Turismo na mesma institución.
Na presentación do libro, Vence defendeu a idea de que a incapacidade da UE para dominar a actual crise financeira e de débeda é o fracaso dunha forma de construír a UE e o euro sobre a base duns principios de exceso neoliberais e o fracaso dunhas políticas de resposta á crise asentadas en diagnoses e estratexias igualmente neoliberais.
Nesta liña, o portavoz nacional do BNG afirmou que a onde nos conduciu este camiño, xa o estamos padecendo. Agora somos conscientes da urxencia de cambiar este modelo, cambiar radicalmente as institucións que pilotan a economía da Unión e deseñar novas políticas dentro dunha Unión Europea da que xa se cuestiona o seu futuro. Ou se avanza sobre unha federalización máis completa, recoñecendo a todas as nacións que como Galiza a integran e a súa soberanía, ou o futuro seguirá sendo incerto e cada vez a situación máis insostíbel.
Pola súa banda, Mario Outeiro defendeu que á luz desta nova contribución do nacionalismo á análise do problema europeo do profesor Vence, que hoxe presentamos en Lugo, é tamén obrigado lembrar que ninguén pode acusar de oportunista ao BNG nun momento no que toda a esquerda carga contra a Troika. Dende o BNG, xa no propio momento cuestionamos a integración de España en Europa, cando unha marea europeísta vía aquí a panacea á problemática galega.
Neste sentido non está demais lembrar o documento de 1975, Encol da autodenominada Junta Democrática, elaborada pola UPG, no que xa o nacionalismo marcaba a súa oposición á integración do Estado español no que era o Mercado Común Europeo como un elemento diferencial fronte ao resto da oposición ao franquismo, empezando polo PC, xa que tiña un marcado carácter como espazo para o intercambio desigual que pola súa propia xenética agrandaría as diverxencias centro-periferia afirmou Mario Outeiro.