RUBÉN ARROXO INSISTIU NO EXEMPLO DO GOBERNO DE LUGO Á HORA DE DISPOÑER AS INFRAESTRUTURAS PÚBLICAS Á VECIÑANZA, TAL E COMO FIXO CO APARCADOIRO DO SEMINARIO
O BNG de Lugo continúa coa campaña para reclamar a apertura de aparcadoiros en edificios dependentes da Xunta de Galiza
Rubén Arroxo insistiu no exemplo do Goberno de Lugo á hora de dispoñer as infraestruturas públicas á veciñanza, tal e como fixo co aparcadoiro do Seminario
Insta á Xunta a abrir os aparcadoiros do Edificio Administrativo da Xunta, do IES Virxe do Ollos Grandes e Lucus Augusti e da contorna da Facultade de Formación do Profesorado en horario de tarde
Lugo, 22 de maio de 2024. O BNG continúa coa súa campaña a prol da apertura de aparcadoiros en edificios dependentes da Xunta de Galiza. O portavoz do BNG de Lugo, Rubén Arroxo, lembrou que o seu grupo levará unha moción ao próximo pleno municipal e afirmou que o Concello de Lugo "é exemplo de como as institucións poden poñer á disposición das veciñas e veciños as infraestruturas públicas, tal e como aconteceu coa apertura ao público, polas tardes, do aparcadoiro do Seminario". Ese espazo, explica Arroxo, pasou de estar reservado a persoal do Concello a ser accesible para toda a veciñanza, abrindo un camiño que debe prolongarse para optimizar os recursos públicos dispoñibles para mellorar a mobilidade dentro da cidade, insiste o portavoz do BNG.
En Lugo existen outros espazos xestionados pola Xunta de Galiza que poderían ampliar a capacidade de estacionamento na contorna do centro da cidade e que beneficiaría o acceso das veciñas e veciños a esta zona. Para Rubén Arroxo "é positivo que se incremente o número de prazas de aparcadoiro na zona do parque e da Avenida Ramón Ferreiro aproveitando os aparcadoiros do IES Virxe do Ollos Grandes, Lucus Augusti e da contorna da Facultade de Formación do Profesorado", na actualidade con prazas reservadas as 24 horas para vehículos autorizados e inaccesibles para o público xeral, explica. O portavoz do BNG tamén ve necesario "paliar a perda de prazas de estacionamento na Estación de Tren co inicio da construción da nova intermodal, podendo empregarse as prazas do aparcadoiro do Edificio Administrativo da Xunta nun horario no que menos afecte á xornada habitual do persoal".
Neste senso, Arroxo recorda que no vindeiro pleno o grupo municipal do BNG instará á Xunta de Galiza a abrir os aparcadoiros do Edificio Administrativo da Xunta, e dos IES Virxe do Ollos Grandes e Lucus Augusti e da contorna da Facultade de Formación do Profesorado pola tarde nun horario "que non afecte ao uso educativo dos distintos espazos, optimizando o espazo público para o estacionamento de vehículos, e garantindo máis capacidade de estacionamento na contorna do centro da cidade de Lugo", conclúe o portavoz do BNG.