O ÚLTIMO PROCEDEMENTO PARA A ADXUDICACIÓN DA XESTIÓN DOS MUSEOS E DA OFICINA DE TURISMO QUEDOU DESERTO E NON SE ACTUALIZOU O SERVIZO ÁS NECESIDADES ACUTAIS

O BNG pedirá “unha vez máis” a constitución do Consello Municipal de Turismo

IMG_0984
Maite Ferreiro xunto á oficina municipal de turismo

“Cuestións como os horarios das salas museísticas municipais teñen que ser resoltas e este é o órgano axeitado” sinalou Maite Ferreiro

O BNG pedirá “unha vez máis” a constitución do Consello Municipal de Turismo

Lugo, 23 de agosto 2017. O BNG-AA pide, unha vez máis, a creación do Consello Municipal de Turismo e, a súa edil, Maite Ferreiro, lembra que “no 2016 o goberno municipal anunciou a súa creación despois de aprobala na Xunta de Goberno do 30 de marzo”. Maite Ferreiro sinalou que “no mes de xuño aprobouse, en sesión plenaria e por unanimidade, o regulamento de funcionamento de este órgano que debería servir para promover o turismo no noso concello e dar solución ás deficiencias de xestión de espazos municipais que ofrecen servizos ao turismo que chega á cidade” e engadiu “non pode ser que o goberno municipal continúe amparándose na falta de persoal para xustificar a súa ineficacia e incapacidade para crear este órgano”.

O BNG-AA preguntará polo novo procedemento despois de que a mesa de contratación, celebrada o  26 de xuño de 2017, declarara deserto o concurso ao non presentarse ningunha empresa. A edil do BNG, Maite Ferreiro, indicou que “a propia mesa instaba a facer un estudo dos prezos de mercado e adecuar o prezo de licitación, e non sabemos se o goberno municipal está facendo algo neste senso” e engadiu “consideramos que a creación do consello municipal de turismo podería ser positiva, entre outras cousas, para contribuír a solventar este tipo de situacións que impiden que Lugo avance na boa xestión do turismo”.

Para o BNG-AA “o turismo medra en Lugo a pesar deste goberno municipal”, Maite Ferreiro explicou que “o concello de Lugo carece de propostas de promoción turística e o goberno non é capaz nin de executar a creación do Consello Municipal de Turismo para tratar de establecer políticas que reforcen a captación de turismo para a cidade de Lugo e para o resto do concello”. “A pesares de que no concello de Lugo confluen tres elementos Patrimonio da Humanidade, o goberno municipal non foi capaz de crear paquetes turísticos que, ademais de atraer turistas, promovan o incremento das pernoctas na cidade” explicou Ferreiro.

A concelleira do BNG-AA sinalou que o último procedemento para a adxudicación da xestión dos museos e da oficina de turismo quedou deserto e “non se actualizou o servizo ás necesidades actuais”. O BNG-AA aposta pola municipalización da atención nas salas museísticas e Maite Ferreiro lembrou as deficiencias nos horarios das salas museísticas que son de titularidade municipal. “Neste momento os horarios das salas museísticas municipais está marcados polos horarios que a empresa privada que ten a concesión lles da aos seus traballadores e non polas necesidades reais da demanda de visitantes e turistas” asegurou Ferreiro e engadiu “o goberno debería revisar os horarios de apertura para satisfacer a quen nos visita e camiñar cara unha municipalización deste servizo de atención, que neste momento segue en mans dunha empresa privada vencellada a diversas tramas de corrupción”.

O BNG pedirá “unha vez máis” a constitución do Consello Municipal de Turismo