O TRAMO FINAL DE MOTERO RIOS SOPORTA O PASO DUN ELEVADO NÚMERO DE VEHÍCULOS E XUSTO NESTA ZONA EXISTE UNHA PARADA DE BUSES QUE MERMA O ESPAZO DE PASO
O BNG-AA pedirá a eliminación do “medio-carril” de Montero Rios que, neste momento, da prioridade na saída da rúa
Maite Ferreiro sinalou que “non ten sentido que se fagan carriles nos que non colle un coche e que se lles dea prioridade sobre os carriles polos que circulan verdadeiramente os vehículos”
Lugo, 20 de xaneiro 2017. A edil Maite Ferreiro anunciou que o BNG-AA pedirá unha reordenación do tráfico no tramo final da rúa Motero Rios. Ferreiro adiantou que o BNG-AA pedirá a eliminación do “medio-carril” de Montero Rios que neste momento ten prioridade na saída da rúa. “A pesares de que o tráfico flue pola propia pericia das persoas que conducen, entendemos que hai que dar unha solución á sinalización horizontal desta rúa que provoca confusión e podería, incluso, provocar accidentes” asegurou a edil nacionalista.
Maite Ferreiro sinalou que “non ten sentido que se fagan carriles nos que non colle un coche e que se lles dea prioridade sobre os carriles polos que circulan verdadeiramente os vehículos”. O carril dereito do tramo final de Montero Rios ten unhas dimensións insuficientes para que por el poida circular calquera vehículo de catro rodas. A situación vese agravada por que en moitas ocasións hai vehículos parados ocupando parte deste “medio-carril” e subidos á beirarrúa.
O tramo final de Motero Rios soporta o paso dun elevado número de vehículos e xusto nesta zona existe unha parada de buses que merma o espazo de paso. Maite Ferreiro dixo que “o goberno municipal terá que estudar unha solución a respecto da circulación deste tramo para facilitar a chegada do transporte urbano a esta parada e sinalizar a vía evitando que se cree inseguridade e confusión en quen conduce vehículos”.