RIVAS ANUNCIOU O SEU RELEVO POR MOTIVOS PERSOAIS, E AFIRMOU QUE "FOI UNHA HONRA TRABALLAR PARA A VECIÑANZA DE LUGO, O PROXECTO ILUSIONANTE DO BNG TEN QUE CONTINUAR"
Felipe Rivas dá paso a Iria Buide como concelleira do BNG en Lugo
Nunha rolda de prensa, o portavoz do BNG e Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, agradeceu a Rivas "o intenso traballo levado adiante desde o Goberno nos últimos anos"
Rivas anunciou o seu relevo por motivos persoais, e afirmou que "foi unha honra traballar para a veciñanza de Lugo, o proxecto ilusionante do BNG ten que continuar"
Lugo, 17 de xaneiro de 2025. O concelleiro do BNG Felipe Rivas anunciou hoxe en rolda de prensa a súa decisión de dar o relevo como concelleiro da Corporación Municipal de Lugo por motivos persoais. Rivas destacou que "foi unha honra" traballar para a veciñanza de Lugo os últimos anos, e engadiu "agora mesmo non podo dar o nivel que precisa a veciñanza, e o proxecto ilusionante que o BNG ten para este Concello ten que continuar". O concelleiro agradeceu o apoio recibido polo BNG e polo Grupo Municipal e afirmou que "este grupo continuará a traballar por Lugo en sincronía e unido".
Rubén Arroxo, portavoz do BNG e Tenente Alcalde do Concello, acompañado polo resto de concelleiras e concelleiros do grupo municipal, agradeceu a Rivas o traballo realizado nos últimos anos "que supuxo un importante impulso para a a Concellería de Educación", unha concellería que, segundo afirmou Rubén Arroxo, "logrou os obxectivos marcados para este período". A concellería de Educación presta importantes servizos ás familias, tanto coa xestión de escolas infantís ou comedores escolares, como con axudas de material escolar, que axudan a reducir a presión económica que supón o comezo dun novo curso. Arroxo afirmou que "o BNG seguirá contando con Felipe Rivas cando a súa situación persoal o permita", e engadiu que "isto non é un adeus, é un ata máis tarde". O Portavoz do BNG destacou tamén o papel de Rivas á fronte da Responsabilidade Local "nun período que contou con múltiples procesos electorais, o que supuxo un esforzo maior ao habitual"
O Portavoz do BNG presentou a Iria Buide, integrante número 6 da candidatura do BNG no ano 2023. Buide é técnico en anatomía patolóxica profesora de inglés. Buide desenvolveu nos últimos anos distintas responsabilidades dentro da organización xuvenil do BNG, Galiza Nova, onde foi responsábel nacional de mulleres, ademais de formar parte actualmente do Consello Local do BNG. Iria Buide agradeceu o traballo de Felipe nos últimos anos e afirmou que asume o reto de entrar a formar parte da Corporación Municipal "con ilusión e ganas para traballar por Lugo, a razón pola que estamos aquí". Buide afirmou que o BNG conta cuin "proxecto sólido para a cidade" e destacou que traballará "para aportar e seguir cambiando Lugo".